FERNÁNDEZ MAZAS
Fernández Mazas, Cándido
( Ourense, 1902 - Pedrouzos, Castro de Caldelas, Ourense, diciembre de 1942 )
Biografía
Cándido Fernández Mazas é un artista de breve vida e reducida produción plástica que desenvolveu, na primeira metade do século XX, a súa efervescencia creativa entre Ourense, Madrid, París, Valencia e desde 1939 no seu confinamento en Pedrouzos, onde falece. Foi fundamentalmente debuxante en xornais, revistas e libros, mais tamén un fino ilustrador gráfico. Foi a súa unha intensa vida, marcada polas vangardas plásticas e polos intensos posicionamentos ideolóxicos contrapostos que levaron á “guerra civil”, e que tanto lle influíron e afectaron. El posicionouse no internacionalismo comunista e libertario. Fillo de Nicanor Fernández, oficial do exército en Ourense e Remedios González Mazas, sentiu axiña inclinación polas artes e polas letras, apaixonándose por Kant e Hegel. “Dichi” gustou de participar desde moi pronto nos parladoiros que animaba con brillante dialéctica, con posturas enfrontadas ao Grupo de Nós, o que non obsta para que algúns dos seus primeiros traballos con vinte anos visen a luz na revista «Nós» en 1922. Publica tamén no diario agrarista de Ourense La Zarpa e na revista Alfar, e ilustra libros, La luna, el alma la amada intermezzo lírico de Xavier Bóveda e Kindergarten. Poemas ingenuos de Francisco Luis Bernárdez (Madrid, 1923).
As leccións de debuxo dos seus primeiros anos de Luis Fernández Pérez, Xesta, son bagaxe para as bolsas da Deputación de Ourense que lle permiten facer estudos pictóricos na Académie de la Grande Chaumière de París en 1925 e 1927-1928. Daquela son os óleos conservados, nos que se aprecia un cambio cara á construción con cores que orixinan liñas (Femme se coiffent, Mociña) nos que hai un aire art déco, sempre na procura dun ideal de pureza e inalcanzable perfección. Mais o prioritario para el foi escribir e debuxar: poemas, algúns en galego, que asina como “Denys Fernández”; crítica de arte na revista P.A.N. Nas súas obras teatrais, Santa Margorí, Madrid, 1930, onde vivía e era coñecido como “marzas” e Los cuernos disparatados, Pedrouzos, 1931, hai numerosos debuxos. Esta foi publicada en Democracia, igual ca «Do recuncho amado» de Sebastián Martínez-Risco, con portada e debuxos seus, un autor este ao que unían profundos vínculos pois consegue como xuíz militar a súa liberación do campo de concentración e cárcere de Valencia en 1939.
Na década dos trinta, todo mudara coa polarización política, perdendo a bolsa para Roma, e continúa colaborando en revistas, como Ronsel e a Gaceta de Galicia, ou o diario El Pueblo Gallego. Son debuxos de caricatura e ironía con sátira ao servizo da súa posición ideolóxica. Desde 1929 era o diario La República de Ourense, en 1933 escribe para «A.T.E.O.». Este ano entra nas Misións Pedagóxicas e encárgase dos decorados teatrais, monecos de monicreques e marionetas. O seu cartel para o "Retablo de Títeres" será o oficial do "Patronato de Misiones". Durante a guerra, antes da súa detención, debuxa en El Combatiente Rojo e en Umbral, facendo o Álbum Ellos. La España de Heraclio Fournier. É coetáneo do grupo “Os Novos” e como eles, un dos máis significados renovadores da plástica galega.
Na Colección de Afundación atópase un proxecto de cartel do ano 1925. O deseño está baseado nunha representación, tradicional, o da caridade e mostra os perfís sintéticos e avanzados para a época utilizados polo autor.
Limia Gardón
Bibliografía
CÁNDIDO Fernández Mazas: vangarda, militancia e esquecemento 1902 - 1942, Fundación Caixa Galicia, 2002, A Coruña.
FERNÁNDEZ MAZAS, A.: Vida y obra del pintor Fernández Mazas, Andoriña, 1990, Ourense.
FERNÁNDEZ MAZAS, A: Dibujos de París 1925/1927. Cándido Fernández Mazas, Andoriña, 1993, Ourense.
GURMÉNDEZ, C.: Fernández Mazas, Ediciós do Castro, 1981, Sada, A Coruña.
OS ARTISTAS de Anxel Casal: arte e edición nunha Galiza entusiasmada, Concello de Santiago, Auditorio de Galicia, 2005, Santiago de Compostela.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, 1981, Vigo.