DIONISIO FIERROS
Fierros Álvarez, Dionisio
( Ballota, Cudillero, Asturias 5 de mayo de 1827 - Madrid, 24 de junio de 1894 )
Biografía
Nacido nun ambiente campesiño, trasládase a Madrid á idade de 14 anos para aprende-lo oficio de xastre, que abandona para ser doméstico na casa do marqués de San Adrián, posuidor dunha excelente colección de pintura, que o rapaz copia ás agachadas. Descuberta a súa afección, a muller de José María de Magallón, o aristócrata ó que serve, regálalle os utensilios de pintura e o marqués convértese no seu protector, ata o punto de que o introduce no taller do grande artista daquel tempo, José de Madrazo, onde traballa ata 1884. Nesa data abandona este taller para entrar no do fillo de José, Federico de Madrazo, moito mellor pintor ca seu pai; acababa de regresar de Roma e é só dous anos maior có seu alumno; o xove Fierros completa a súa formación asistindo ás clases da Academia de San Fernando e ó Museo do Prado, onde estudia os grandes mestres e copia a Velázquez. En 1885 Fierros deixa a corte e trasládase a Galicia, disposto a triunfar como pintor e dedícase ó retrato de encargo, xénero no que destacará con rexa personalidade, entre realista e romántica. Permanece tres anos en Galicia e pinta incansablemente retratos, paisaxes e mais escenas de xénero, coa tipoloxía do popular país. Concorre á Nacional de Belas Artes de 1860 e gaña unha das primeiras medallas co seu cadro Romería en las cercanías de Santiago, que ha prestixiar en Madrid o xénero costumista, tan cultivado na súa época. Viaxa a París e regresa a España para prosegui-las súas andanzas de pintoresquismo, que levan a Salamanca, onde deixa tamén numerosos testemuños da tipoloxía popular. Volve a concorrer á Nacional de Belas Artes en 1866, cun cadro de tema histórico, tan de actualidade nesa época, e acada a medalla de ouro. Ese mesmo ano é nomeado cabaleiro da Orde de Carlos III, unha das máximas distincións do Estado español. Cara a finais da década dos setenta regresa á súa Asturias natal e realiza un encargo do rei Alfonso XII para O Escorial, El éxtasis de Santa Teresa, ó tempo que segue a súa pintura de xénero e de retratos, protexido pola familia Herrero, banqueiros, ó fundador da cal fai un retrato de corpo presente, un dos exemplos máis estraños de toda a pintura española. De novo en Madrid, Fierros morre repentinamente, ós 67 anos de idade, cando se dirixía a presenciar unha corrida de touros; a obra de Dionisio Fierros está no Museo de Arte Moderna de Madrid, en tódolos de Galicia e en numerosos museos provinciais de España, así como en Deputacións e Concellos, lugares reais e importantes coleccións particulares. Foi un realista consumado, aínda que sempre hai nel un toque romántico. O pintoresquismo dos seus temas está dominado pola calidade formal do pintor, verdadeiramente notable. Ó valor puramente plástico engádese o documental, porque as súas escenas son retratos da vida española de segundo tercio do século XIX.
Bibliografía
DIONISIO Fierros, Deputación da Coruña, A Coruña, 1973.
DIONISIO Fierros: 1827-1894, íntimo y mundano, Caixavigo e Ourense, Vigo, 2000.
HOMENAJE a Dionisio Fierros, Ayuntamiento de Luarca, Madrid, 1994.
PINTURA y fotografía en el siglo XIX: una aproximación al arte de Dionisio Fierros, Hércules de Ediciones, A Coruña, 2018.