CARMEN FORMOSO
Formoso Prego, Carmen del Pilar
( A Coruña, 1939 )
Biografía
Emparentada con artistas, como a súa irmá —a tamén pintora María Formoso— ou o seu cuñado pianista —Rafael Sebastiá—, a música e a poesía serán relevantes na súa formación. Cunha temperá vocación pictórica, participa con tan só nove anos nunha mostra colectiva, na que gana o primeiro premio. Asiste a clases particulares de debuxo e acuarela no estudio da pintora Dolores Díaz Baliño, que tamén exercía como docente na Escola de Artes e Oficios e no Instituto Feminino da Coruña. Posteriormente, amplía a formación en Madrid, Londres e París. Con todo, sempre retorna á súa terra natal, pois o seu vínculo con Galicia é moi sólido; ela mesma afirma que é onde se atopa máis a si mesma. Ao longo da súa traxectoria, realiza exposicións en Vigo e na Coruña, en cidades españolas como León, Bilbao, Zaragoza, Madrid, Barcelona, Alacant ou Málaga —na exposición internacional Homenaje a Picasso, e a nivel internacional en París, Londres ou Canadá. Moi involucrada no panorama artístico da súa cidade natal, participa, entre outras mostras colectivas, na conmemorativa do vinte e cinco aniversario da creación da Asociación de Artistas da Coruña de 1960. É galardoada co premio Francisco Alcántara do Círculo de Belas Artes de Madrid, e a súa obra está representada en coleccións de museos e coleccións privadas españolas, así como en fondos de Europa (París, Londres, Bruxelas, Amsterdam ou Lisboa) e América (México D.F., Washington, Nova York, Boston, Bos Aires, Venezuela ou Canadá). Ademais da pintura e o debuxo, explorou a ilustración en diversos libros.
A súa creación artística está centrada case de maneira exclusiva na paisaxe, principalmente galega, sen ningún rastro de presenza humana; en palabras do escritor F. Pillado: «Toda a gama de cores que ofrece a terra galaica queda comprendida nas pinturas de Carmen Formoso». Para iso adoita empregar o óleo, e dun modo especial a augada, a través dunha firme e ancha pincelada que debuxa e ao mesmo tempo imprime cor. Cultiva unha pintura con certas doses de abstracción, que dalgunha maneira pode vincularse cos modos fauve temperados, predominando as tonalidades neutras, con toques de azuis, carmíns ou amarelos, definida por unha combinación de cohesión e ordenación, e polo lirismo e a emotividade, sempre presentes.
Na obra pictórica Montes Quemados (1975), que forma parte da Colección Afundación, sérvese da súa característica pincelada xestual para representar coa súa persoal visión a desolada e sombría paisaxe dun monte queimado, mediante un cromatismo predominantemente de vermellos, marróns, negros e brancos. Trátase dunha obra que transcende o pictórico e abarca o terreo sociolóxico para defender o coidado da natureza e castigar a destrución da paisaxe, algo tristemente habitual en terras galegas.
Bibliografía
ARTE joven de Galicia La Coruña 1973, Museo Carlos Maside, Carnoedo, Sada, 1973.
MARCO, A.: Dicionario de mulleres galegas: (das orixes a 1975), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2007.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.