MARÍA FORMOSO PREGO
Formoso Prego, María Concepción
( A Coruña, 1932 )
Biografía
A relación coa arte xa está presente no seu ambiente familiar, pois a súa irmá é a tamén pintora Carmen Formoso, e o seu marido o pianista Rafael Sebastiá; a música vai influír notablemente na súa obra. Inicia a formación pictórica na Coruña, que ampliará de maneira autodidacta en Madrid, Londres e París. A súa presenza na exposición conmemorativa do vinte e cinco aniversario da creación da Asociación de Artistas da Coruña de 1960 reflicte o seu vínculo coa súa urbe natal, onde tamén concorre á I Mostra Unión Fenosa en 1989. A súa pintura figura en coleccións de museos e institucións galegas como a do Concello da Coruña, así como en distintas coleccións españolas, e tamén estranxeiras.
O seu traballo pictórico desenvólvese tanto en óleo coma en augada —a súa técnica favorita—, e está centrado a nivel temático na paisaxe, un xénero que se amosa lírico, impoñente e estarrecedor, cunha natureza que semella que latexa, e no que nunca é posible apreciar ningunha presenza humana. Estilisticamente pódese vincular dalgunha maneira ao expresionismo e moi directamente ao fauvismo, forte e enérxico, cun cromatismo intenso e unha pincelada densa. Amosa predilección polos negros, azuis, terras, carmíns e rosas. Interpreta de forma persoal e próxima a paisaxe galega, costeira e interior, e tamén a castelá ou a canaria, que esperta unha sensación abafante no espectador.
Na Colección Afundación figura un nutrido grupo de oito paisaxes da artista coruñesa, datadas entre 1975 e 1988. En todas elas apréciase o seu característico e exquisito xogo de ritmos, así como a combinación de pinceladas grumosas curtas —parecen dotar dunha textura granulada a pintura— con outras máis soltas, que a través da repetición lles confiren dinamismo ás expresivas e intimistas composicións. Son paisaxes próximas, vigorosas, emotivas e cheas de enerxía, con sinuosidades que producen movemento, e un cromatismo harmonioso.
Bibliografía
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Cunqueiro, Alvaro: María Formoso. Madrid, Publicaciones Españolas, 1969.
Castro Arines, José de: Cuadernos de Arte. Madrid.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.