JOSÉ FRAU
Frau Ruiz, José
( Vigo, 15 de mayo de 1898 - Madrid, 24 de marzo de 1976 )
Biografía
Fillo dun membro do Corpo de Carabineiros, naceu no desaparecido cuartel que a Garda Civil tivo ata hai pouco na rúa de Magallanes, xunto ó tamén desaparecido Cinema Radio. Pasou os primeiros anos da súa nenez na cidade atlántica e mantivo o recordo dos amenceres sobre a badía, que contemplaba desde os descampados que despois ían se-la praza de Portugal e a rúa Rosalía de Castro. A súa precocidade para a arte maniféstase no feito de que en 1904, ós seis anos, obtivo o seu primeiro premio de pintura. Cara ás vésperas da guerra europea, en Huelva, inicia seriamente os seus estudios, con Antonio de la Torre, e comeza a expoñer. Segue percorrendo España cos diferentes destinos profesionais do seu pai. En 1916 trasladouse a Madrid, para asistir á Escola de San Fernando e ser discípulo de Muñoz Degrain. Preséntase por primeira vez ás Nacionais de Belas Artes en 1917. Ó ano seguinte concédenlle unha bolsa de estudios para O Paular, escola fundamental de paisaxismo español, no que Frau chegaría a ser un dos principais mestres. Patrocinado por un mecenas de Cataluña, realiza en Barcelona, en 1918, a súa primeira exposición persoal. Segue participando nas nacionais de Belas Artes e en 1924 obtén terceira medalla coa súa paisaxe Tierras de Leyenda, pintado en Sepúlveda, Segovia. En 1925 integra o grupo que asina o manifesto de Los Ibéricos, revolucionario contra a mediocre arte española interior daquel tempo, pese a que españois eran os artistas europeos máis innovadores, coma Picasso, Juan Gris e Julio González. No grupo español está tamén outro galego, Arturo Souto. En Santiago participa na mostra de Artistas Galegos de 1926, o que reitera a súa vinculación espiritual ó país que o veu nacer. En 1929 casa coa súa discípula Margarita González Giraud, que deica en diante será a súa máxima admiradora e asinará sempre «Margarita de Frau». Insiste nas nacionais de Belas Artes e na de 1932 obtén a segunda medalla con La orilla del río. Salta a Estados Unidos en 1933 e expón en diversas cidades, entre elas Pittsburgh. A continuidade nas nacionais de Belas Artes condúceo á primeira medalla, galardón arelado por todo artista español. É en 1943, con Naturaleza. Viaxa a Bos Aires e Montevideo a finais dos corenta. En 1950 trasládase a México, onde fixa a súa residencia. Expón neste país e en Nova York. A partir de 1961 volve periodicamente a España e amosa a súa obra en diversas cidades. En 1964 trasládase á vila de A Olmeda das Fontes, provincia de Guadalaxara, onde se instala para sempre en 1966, e alí pinta apaixonadamente a súa paisaxe e a súa obra mística. A partir de 1968 é invitado oficialmente ós cursos de Estética da Universidade de verán Menéndez Pelayo de Santander. O seu traballo continúa, intenso, ata a súa morte, o 24 de marzo de 1976, cando ten 78 anos. A súa obra figura nos Museos de Arte Contemporánea de Madrid e noutros de París, Pittsburgh, Moscú, Nova York, Bos Aires, California, Alemaña, etc., así como nos de Galicia. No de Castrelos, en Vigo, conta con sala monográfica, a partir dunha emotiva doazón do propio artista. O concellos tomou o acordo de rotular unha rúa co seu nome, que unirá a Praza da Independencia coa rúa López Mora, e auspicia unha mostra monográfica monografíca. A pintura de Frau é o lirismo máis encantador; é a poesía feita cor desde uns modos intensamente «fauves», ata o punto de que é o máis cualificado mestre desta tendencia na pintura española. Mundos deliberadamente inxenuos; catro casas en medio dunha arboreda, unha referencia ó traballo agrícola, seres mínimos nun ambiente de explosivo e orquestrado cromatismo, no que dominan rosas, azuis, amarelos. Hai vida, aire, paz, nas paisaxes de Frau. Esto, en verdade, é paisaxe, posto que se trata, como quería Azorín, de estados da alma ante a natureza, recreada, inventada, soñada, idealizada. Juan Ramón Jiménez sería feliz habitando esta paisaxe, digna das súas páxinas moguerianas. Cando Frau se achega ó mundo relixioso, é dun misticismo arrepiante. Coa mesma materia grosa, deliberadamente recargada, sintetiza as figuras e dótaas dunha tenrura infinita.
Bibliografía
CHAMOSO LAMAS, M: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Ediciones, Madrid, 1970.
ILLARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.
J. FRAU: exposición monográfica, Caja de Ahorros de Vigo, Vigo, 1984.
JOSÉ Frau: o artista no seu século, exposición antolóxica, Museo Quiñones de León, Concello de Vigo, Vigo, 1998.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.