RAFAEL FREIJEIRO
Freijeiro Carrera, Rafael
( Vigo, 1958 )
Biografía
Nacido nunha contorna familiar con gran afección pola arte, pois o seu pai é poeta ademais de notable debuxante, desde moi temperá idade comeza a debuxar dunha maneira espontánea; a súa filla, Celia Freijeiro tamén seguirá o camiño da arte, no seu caso, da interpretación. Inicia a súa actividade expositiva na mostra colectiva denominada Arte Xoven Galega na súa cidade natal, na que xa destaca e é seleccionado, o que supón un aliciente para proseguir coa súa vocación pictórica. Tras esta, participa en diversas exposicións colectivas, e en 1992 realiza a súa primeira mostra individual vinculado ao Colectivo de Artistas Assi, grupo de noveis artistas do antigo barrio da cidade olívica. Ese mesmo ano participa nunha mostra na sala de arte-pub Antroido de Vigo e dá o salto a Madrid, onde realiza unha mostra no Centro Gallego e dous anos máis tarde na Galería Ferraz. Concorre a certames e concursos en diversas cidades de Galicia e tamén en Granada, Toledo e Portugal. A súa obra forma parte de coleccións institucionais galegas de Ourense e Pontevedra, así como doutras en Madrid e Portugal. Considérase autodidacta, e desenvolveu unha traxectoria silenciosa ─afirma: «Tento pasar desapercibido, e iso, ás veces, é un problema»─ na que destaca a medalla de honra no prestixioso Premio BMW de Pintura do 2009.
Asegura ter unha inspiración constante, que lle chega do cotián. O seu estilo camaleónico ha ido mutando, de tal forma que se deixou seducir por moitos «ismos», en palabras súas. Ao longo da súa traxectoria atravesa diferentes etapas ─afirma que ata nove─, entre elas algunha puramente abstracta, antes de chegar ao seu estilo máis característico, no que se aproxima ao expresionismo con referentes como Cezánne e Chagall desde a síntese e o dinamismo, con certas referencias ao pop e ao universo do cómic. Afai a compartimentar a superficie pictórica, e emprega un variado, contrastado e vivo cromatismo plano con formas que se mostran perfiladas por trazos negros continuos que denotan seguridade e firmeza. A crítica de arte Eva Asensio Castañeda resalta que «partindo dun expresionismo analítico elabora unha pintura figurativa na que desvela as súas propias vivencias, por medio dunha linguaxe plástica de interpretación lúdico-satírica».
Na Colección Afundación figura un nutrido grupo de trece obras pictóricas do autor nas que dá mostras da súa eclecticismo estilístico. Nas pinturas en cor dos anos noventa apréciase o estilo antes mencionado, co seu característico cromatismo, así como a fragmentación da superficie, especialmente, e en Nueva Orden, obra na que mostra a súa vertente máis crítica, do mesmo xeito que En el camino. Os rostros humanos parecen remitir ao cubismo, e o futurismo apodérase de La Máquina, na que predomina a xeometría. A súa ironía inherente tamén aparece nalgún título, como Frugívoros, unha sorte de bodegón, e a súa afección pola música queda reflectida en Parto Musical. En Paisaje experimenta coa inserción dun obxecto concreto de realista aparencia mineral sobre un fondo que simula ser unha vidreira; o efecto resultante aproxímase á colaxe. Doutra banda, as seis obras restantes forman parte dunha serie denominada Vigo, realizada no ano 2001 e na que representa lugares característicos a cidade cun estilo moi afastado do anterior; abandona a exultancia cromática para centrarse no albo, negro e gris, cos que imprime certo halo de misterio a unhas vistas da urbe dominadas por plomizas atmosferas mediante unha linguaxe máis próxima ao realismo e cheo de lirismo.
Bibliografía
Reproducido no catálogo da exposición de Madrid do 96.
ALONSO, E.: Presentación del cuaderno Freijeiro. 1993.
VV. AA.: Colección Caixavigo: pintura, escultura, dibujo. Tomo 4, Caixanova, Vigo, 1998.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Tomo 5, Forum Artis, Madrid, 1994, p. 1370.
Obra
-
VISTA DESDE EL CASTRO (SERIE VIGO) 2001
-
PASEO ALFONSO (SERIE VIGO) 2001
-
La Nuit 1994
-
Serie Vigo 2002