TONO
Galán Fuentes, Antonio
( Santiago de Compostela, 1967 )
Biografía
O seu nome completo é Antonio Galán Fuentes. Cursou estudios, a partir de 1990, na Escola de Artes e Oficios da Coruña, que continuou na Lonja, de Barcelona. Realizou estudios monográficos tan diversos como esmalte, procedementos de pintura, mural, gravado, escultura e caligrafía chinesa, probablemente nun afán de achegarse ás máis diversas estéticas e técnicas de traballo. Colaborou na sección de humor da prensa diaria en Galicia e restaurou retablos e vidreiras artísticas. Comezou a expoñer en 1992, e individualmente fíxoo na Coruña, Compostela e Barcelona. Colectivamente, desde 1993, entre outras no Foro Atlántico, que levou a obra por toda Galicia e o norte de Portugal. Está representado no Museo de Arte Constructivista de Marbella e en diversas coleccións institucionais de Galicia. A pintura de Tono é un exercicio xeométrico de infinitas variacións, que sen dúbida ten as súas raíces no constructivismo do uruguaio Torres García, cunha obra teórica que debe coñecer moi ben o mozo galego. No rectángulo do cadro inscríbense numerosos polígonos, case todos angulados minuciosamente, e algún círculo ou óvalo, en composición moi calculada, que se expresa en serenidade de entoacións sen a penas contrastes. Ás veces, os ángulos non chegan a completar polígonos, e son a modo de labirinto caprichoso, cunha frecuencia ocasional, como unha man extendida que indicase varias posibilidades de ruta.
Bibliografía
V Mostra Unión Fenosa. Catálogo. A Coruña, 1997.