PEPE GALÁN
Galán, Pepe
( A Coruña, 1955 )
Biografía
Sempre na vangarda, disposto a ensaiar cos máis insólitos materiais e a sorprender coas súas experiencias plásticas, as súas instalacións, os seus traballos perdurables ou efémeros, Pepe Galán, coruñés nacido en 1955, ten tras si un longo historial, de constante traballador e presenza frecuente nos medios máis diversos.
Alleo a dar noticias da súa vida privada, comezou a expoñer na súa cidade natal en 1981 e fíxoo tamén en Santiago, Vigo, Madrid. E dende algún tempo antes –1978– achegou obra a mostras colectivas por toda Galicia, Madrid, Italia, Francia. Realizou carpetas de gravados, escultura, ilustración de libros e outras modalidades, o que reitera a súa inqueda personalidade, de busca constante de posibilidades de expresión.
Materiais de escoura, metálicos, de madeira, da industria, constitúen a base de moitos dos seus traballos. Durante algún tempo, experimentou con cristais e parabrisas de automóbiles, en bo estado ou danados, ata ser anacos a xeito de plásticos engurrados, conseguindo exemplos sorprendentes de obxectos dificilmente clasificables, que participan da creación individualizable e da instalación que precisa dun determinado e único ámbito, para desaparecer despois de cumprir a súa función.
O minimalismo e a chamada arte pobre están na obra deste multifacético creador, capaz de interesar e sorprender a partir do que podía pasar inadvertido e que foi xa desprezado. Galán é un dos máis innovadores artistas galegos das últimas xeracións.
Bibliografía
Franco, Camilo: Contra as inclemencias dos tempos. Ourense, 2007.