Sobrino do pintor e escritor José Galofre y Coma, fórmase a nivel artístico na escola de debuxo de Domènec Soberano (tamén mestre inicial de Fortuny) e con Ramón Martí y Alsina, así como na Academia de Bellas Artes de Barcelona. Participa na Exposición Artística Industrial no Centro de Lectura de Reus en 1862 e preséntase en 1866 á Exposición de obxectos de arte celebrada pola Academia de Bellas Artes de Barcelona co cadro costumista catalán Els traginers e unha paisaxe. Nos anos seguintes, concorre con notable éxito a outras mostras celebradas na mesma cidade e tamén en Zaragoza. Trasládase a Madrid co obxectivo de poder estudar en directo aos mestres do Museo del Prado, e traballa como ilustrador nas publicacións La Ilustración Española y Americana. En 1874 obtén a bolsa da recentemente creada Academia Española de Bellas Artes en Roma para tres anos, que perde no último ano por informe negativo; a pesar deste acontecemento, continuará residindo en Italia doce anos. En Italia traballa co francés Adolphe Goupil, tamén marchante de Fortuny, para o que realiza numerosos encargos. Durante esta etapa contrae matrimonio coa italiana Leteria Cacace, a quen coñece nas súas estadías no golfo de Nápoles, e así mesmo goza de éxito comercial e traspasa as fronteiras italianas, expón a súa obra en destacados foros internacionais como o Salón de París e a Real Academia de Londres. Regresa de maneira definitiva a Barcelona en 1886 e realiza unha exposición individual ─coa que consolida o seu prestixio na súa terra natal─ na Sala Parés, aberta dous anos antes cunha relevante mostra na que tamén participa. Galardoado en diversos certames aos que concorreu, a súa obra figura en destacadas coleccións como a do Museo del Prado de Madrid ou a do Museo Nacional de Bellas Artes de Arxentina, entre moitas outras.
De personalidade individualista e postura remisa cara a postulados académicos, cultiva principalmente a paisaxe e a escena de xénero. Nos seus comezos exprésase mediante unha linguaxe realista de toques románticos, moi influído polo seu mestre Martí y Alsina, inmerso no paisaxismo realista, e tamén destaca a influencia do francés Gustave Doré. En Italia déixase seducir, en Roma, pola severidade da paisaxe de Vertunni e polo debuxo naturalista de Enrico Coleman na Campagna Romana, e en Nápoles, por Morelli, Dalbono e Michetti, e así mesmo imbúese do Fortuny máis moderno; mostra un sorprendente eclecticismo a nivel estilístico e tamén técnico, pois explora a acuarela, o gouache, o óleo ou o carbón. Nas súas posteriores viaxes a París, toma contacto coa pintura dos Salones; e xa instalado en España mostra un xenuíno naturalismo que esperta a atención do crítico Narcís Oller, quen o cualifica de «moderno».
Os dous debuxos de temática galega que se integran na Colección Afundación evidencian o seu bo oficio como debuxante e forman parte do ambicioso e inacabado proxecto que lle obsesionou durante moitos anos e que inicia en 1887, denominado España pintoresca, co que pretendía representar os costumes das distintas rexións do país; finalmente materialízase en numerosas tablitas e debuxos de Galicia, Asturias, Murcia, Castela, Aragón ou Andalucía. En Mujeres galegas, representa a tres mulleres en primeiro plano en distintas posturas, realizando diferentes tarefas, que rezuman dinamismo, e cara ao fondo un home de perfil; e en Mariscando, cinco mulleres descalzas en diferentes posicións ─o mar ten unha importante presenza na súa produción─ mostran o arduo traballo do marisqueo.
ALCOLEA, F.: Baldomer Galofre. Reus, 1846 - Barcelona, 1902, Institut Municipal de Museus de Reus-Fundació Caixa Penedès, Reus, 2003.
GARRUT, J. M.: Dos siglos de pintura catalana. (XIX y XX), Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1975.
GUDIOL, R., ALCOLEA GIL, J. M., SANTIAGO Y CIRLOT, J. E.: Historia de la pintura en Cataluña, Edit. Tecnos, 1971, Madrid.
MARAGALL, J. A.: Historia de la Sala Parés, Edit. Selecta, Barcelona, 1975.
OSSORIO Y BERNARD, M.: Galería bibliográfica de Artistas Españoles del siglo XI, Madrid, 1868.