JAVIER GARAIZÁBAL
Garaizábal Fontenla, Francisco Javier
( Ferrol, 1944 )
Biografía
De formación autodidacta, cultiva unha pintura lírico-romántica, de exquisita factura, delicadísima, en bodegóns e paisaxes evanescentes, de materia aquilatada e pincelada case caligráfica, baseándose nun bo debuxo e unha paleta quente, aínda que moi temperada.
Deuse a coñecer no certame de arte de Vitoria, en 1973, e participou despois noutras mostras e concursos colectivos en Madrid, Valencia e Galicia. Individualmente, a súa primeira exposición data de 1974, na capital de España, a onde volveu en anos posteriores, dada a boa acollida da súa grata pintura, reiteradamente. É, pois, máis coñecido fóra que dentro de Galicia.
Cabe emparentar estética de Garaizábal coa do postimpresionismo e certos modos do modernismo, así como coa do galego González Pascual, en concreto. Na obra de Garaizábal non importa o que pinta, xa que elixe os elementos máis comúns para os seus bodegóns, senón como os pinta, como se estivesen vistos entre brumas, ou ao través dun levísimo cendal que diluíse os perfís e todo fose leve, vagaroso, como brando.
Consegue así un encanto delicioso, case inefable, que obriga á contemplación detida, para recrearse no primor, na exquisitez da súa factura.
Rosas atenuadas, brancos azulados, amarelos leves, verdes amarelentos, sobre fondos grises quentados, son os seus ambientes. Pintura sen vangardismos efectistas, pero bela, efectiva, intemporal.
Bibliografía
ARTISTAS de Galicia. Guías culturais, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2003.