GARCÍA-GESTO
García-Gesto, Joaquín
( Lugo, 1948 )
Biografía
Realiza a súa primeira exposición individual con tan só dezaseis anos no Círculo de Belas Artes da súa cidade natal. Trasládase a Madrid, onde cursa estudos de Arquitectura e posteriormente de Belas Artes na Escuela de San Fernando. A súa primeira mostra individual na capital española celébrase na Galería Amadís no ano 1973, á que lle seguen, entre outras, exposicións en Málaga, Santiago de Compostela, Vigo, Alemaña ─co patrocinio da Embajada española─, Arxentina ou varias cidades de Portugal, e destacadas mostras colectivas e feiras como a IV Bienal Internacional del Deporte en las Bellas Artes, «Panorama 78» do Museo Español de Arte Contemporánea -da que foi comisario- ou ARCO 87. Obtivo distincións como o terceiro premio da Bienal de Arte Universitaria de Madrid (1972), Medalla del Mérito a las Bellas Artes do Ministerio de Educación y Ciencia (1973) ou o premio de Pintura da Bienal Nacional de Arte Universitaria ANUE (1974). Así mesmo, a súa obra figura en coleccións como a do Museo Provincial de Lugo, Círculo das Artes de Lugo, Museo Carlos Maside de Sada, Museo Castrelos de Vigo, Universidad Complutense de Madrid, Banco de Bilbao ou a do Aeropuerto Madrid-Barajas Adolfo Suárez (onde realiza un mural de grandes dimensións), entre outras.
Na súa etapa lucense, comeza a realizar unha pintura moi próxima á figuración. En Madrid aproxímase á abstracción, aínda que sempre conservará un vínculo co universo figurativo. Desde 1989, o seu traballo evoluciona cara a unha economía de formas e cores do territorio do cadro; traballa desde a reflexión, no contexto da linguaxe pictórica tradicional. Entre os seus referentes atopanse o expresionismo abstracto e o impresionismo. A súa obra, máis visceral que racional, expresa unha gran emoción, e está baseada no estudo do plano e as súas posibilidades matéricas, e a súa temática está centrada na contorna inmediata cunha mirada interior. As súas propostas máis emblemáticas parten dunha meticulosa elaboración e preparación do fondo, que se converte en protagonista, pois é o seu centro de atención, no que máis se detén; afai a embarrañar a superficie plana do lenzo e introducir elementos pouco habituais, como látex, sedimentos ou pigmentos cos que experimenta. Xeralmente son fondos monocromáticos en tonalidades degradadas, fondos rugosos e cheos de protuberancias, sobre os que aparece un debuxo conciso, mera insinuación e suxestión. Debuxos case «rabuñados» que se impregnan dos fondos coma se fosen pegadas borrosas de espontáneos debuxantes en muros semiderrubados; a importancia do misterio resulta fundamental.
Nas tres representativas obras da Colección Afundación, sérvese da súa característica técnica mixta sobre un soporte de tea ou lenzo para alcanzar unha beleza, en certo xeito disimulada e transcendente. Os fondos moi traballados de efectos monocromáticos degradados son comúns a todas, do mesmo xeito que o grafismo esquemático a través do cal compón figuras ou obxectos que parecen pousarse suavemente sobre eles creando ambientes serenos, silenciosos que acaban por fundirse nunha completa simbiose. Na obra Sen Título (1992), aborda unha temática recorrente, o mundo do viño e a gastronomía, e representa co seu característico debuxo unha copa sobre unha mesa; en Viento (2001), a súa mirada diríxese cara á natureza realizando unha particular interpretación da paisaxe contemporánea ao plasmar unha árbore solitaria nun bosque queimado, en Leyendo (2002) o universo feminino é o protagonista, penétrase na contorna cotiá para representar cun trazo aberto pero firme a unha muller nun interior lendo un personaxe «anónimo» que retratou en múltiples ocasións.
Bibliografía
EL CAOS sensible, CENTRAD / Deputación de Lugo, Lugo, 2015.
GARCÍA-GESTO. Out side, Museo Provincial de Lugo, Lugo, 2008.