BOENTE
García-Boente Carro, José Luis
( Lugo, 19 de abril de 1962 )
Biografía
Coñecido no ámbito artístico polo seu apelido, Boente, cursou a carreira de Belas Artes na facultade de San Xurxo, de Universidade de Barcelona. Vencellouse a Vigo, como profesor da Escola de Artes e Oficios. A súa primeira exposición fixoa na sala da Deputación da súa cidade natal. Posteriormente fixoo en Santiago, A Coruña, Ourense, Vigo e outras cidades. Colectivamente, participou na cuarta edición do premio L' Oreal, en 1988, en varias edicións da Mostra Unión Fenosa, desde a inicial de 1989, nos certames Isaac Diaz Pardo, da Coruña, e Araguaney e Novos Valores José Malvar en Compostela. Tamén, en 1992, na undécima edición do premio Blanco e Negro, en Madrid. A Xunta de Galicia patrocinou unha ampla mostra deste artista en Compostela, en 1996. A pintura de Boente é escueta, sinóptica, vagamente realista, aínda que máis exacto sería vencellala ó neoexpresionismo cuasi surrealista, emparentable con algúns modos de Luis Fernández, tan valorado ultimamente, e con Jorge Castillo. Os personaxes ou os obxectos siluetéanse, recórtanse sobre fondos neutros. A paleta é deliberadamente apagada, neutra tamén, de maneira que as representacións semellan colaxes ou bocetos intencionadamente inacabados, como se se tratase e cadros só comezados; maila iso, son moi suxerentes, expresivos, e encerran unha longa tradición preferentemente absorbida e non obstante persoal, con brancos leitosos e sienas tostados sobre grises. Algo deliberadamente caricaturesco conforma á fin as súas estrañas criaturas, con reminiscencias do Picasso negrista ou de Bacon. Boente veu moita pintura e reflexionou longamente, antes de decidirse á súa obra escueta, de aparente simplicidade, aínda que todo nela estea medido, calculado. E sobre todo, baseado nun magnífico debuxo, que lle permite distorsiona-las formas ou falsea-las perspectivas, de maneira que estes obxectos recortados e neutros teñan vida, expresión, beleza no seu irrenunciable misterio.
Bibliografía
I, II e IV MOSTRAS Unión Fenosa, MACUF, 1989, 1991 e 1995, A Coruña.
LÓPEZ DOMÍNGUEZ, J.: Boente, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1996.