BUCIÑOS
García Váquez, Manuel
( Buciños, Carballedo, Lugo, 10 de diciembre de 1938 )
Biografía
A vila de orixe deste escultor terminou por configura-lo seu nome, ata o punto de ser coñecido polo citado topónimo, como se fose realmente o seu primeiro apelido. Practicamente toda a súa obra a realizou en Ourense, vencellado ó grupo que auspiciou o escritor Vicente Risco, e que xuntaba a novos artistas na taberna de Tucho, na praza de Mari Gaila, e que denominou «Os Artistiñas» pola súa extrema xuventude. Do grupo formaban parte Xaime Quesada, José Luis de Dios, Acisclo Manzano, Xabier Pousa e outros. Aínda que posúe formación académica, Buciños é, fundamentalmente, un intuitivo, de sensibilidade exquisita, anegado pola tenrura. Inicialmente acusou influencias de Cristino Mallo e tal vez de Antón Failde Gago, cando traballaba a madeira e ideacións primorosas, de total simplicidade, nas que as vetas da materia vexetal semellaban roupaxes e pregamentos. Máis tarde, o bronce enseñoreouse da súa obra e con frecuencia acudíu ós ocos, a imaxinarios «rotos» na morfoloxía das súas pezas que vagamente o identificarían con Henry Moore, aínda que quizais o seu mestre secreto sexa o xenial Julio González. As curvas pronunciadas, os volumes a un tempo rotundos e suaves, a airosidade das súas criaturas, dan á escultura de Buciños unha moi definida personalidade. Realizou numerosas exposicións en España e no extranxeiro. Está representado en tódolos museos de Galicia e en numerosas institucións públicas e coleccións particulares. Os seus monumentos a personaxes históricos ou con afán puramente ornamental abondan nas cidades galegas. Habitualmente traballa formatos pequenos, aínda que a monumentalidade está no seu concepto de gran creador de formas corpóreas. A escultura de Buciños parece conter vida. A vitalidade expándese a cachón e, aínda que ás veces sexa testemuño dunha ruralidade dura de Galicia, a alegría comunicativa termina por impoñerse en cada unha das súas pezas.
Bibliografía
PABLOS, F.: Pousa y Buciños, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1994.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
TRABAZO, L.: Piedra, barro, bronce, Deputación provincial, Ourense, 1978.