ANTONIO GARCÍA PATIÑO
García Patiño, Antonio
( A Coruña, 1932 - 2010 )
Biografía
De profesión militar, a formación artística de Antonio García Patiño non tivo un carácter académico, senón máis ben autodidacta, con influencias no seu comezo do seu irmán Mariano, que tamén se dedicaría á creación. Artista multifacético, Antonio abordaría distintas disciplinas como a pintura, o gravado, a escultura, o debuxo ou a cerámica.
A súa carreira vinculada ao exército levaríao a residir en diferentes puntos de España e será en 1957, en Melilla, cando consiga o seu primeiro recoñecemento á súa faceta creativa, mentres que catro anos máis tarde tería lugar a súa primeira exposición individual na súa cidade natal. Desde entón, participou coas súas obras en diversas mostras ao longo da súa vida en diferentes cidades.
A produción de García Patiño agrúpase en catro períodos. O primeiro alcanza ata os anos 60 e poderíase denominar como «época negra», xa que mostra a influencia de autores como Goya, Solana, Tàpies, Valdés Leal ou O Greco, nos que o negro simbolizou a condición humana, creando un fío condutor na historia da pintura española. Os trazos determinados, o esquematismo e a expresividade das composicións de García Patiño nesta época vinculan a súa obra tamén coa tradición románica galega.
A segunda etapa de produción abranguerá a década dos anos 60, coincidindo coa súa residencia en Barcelona, mantén relación con diversos intelectuais e creadores. Produce entón unha serie de obras influídas polo karmatismo, unha corrente que afonda na necesidade tanto psíquica coma fisiolóxica de pintar, vinculándose a teorías freudianas ou ao orientalismo. A presentación dos seus cadros karmáticos na Sala Gaudí en 1970 achegoulle un grande éxito entre o público.
É a partir de entón cando comeza o seu período branco, no que os grupos de persoas e a muller centran a súa produción. Estilisticamente, regresa ás raíces románicas de Galicia, ao expresionismo e ao primitivismo. Nesta fase enmárcanse as catro obras pertencentes a esta colección, datadas en 1990, baixo os títulos: Nena, Unha moza, Don Quixote e Home pensando. As catro resólvense coa presentación de figuras hieráticas en primeiro plano da composición sobre fondos indefinidos.
De formas rotundas, estas delimítanse por liñas de grosos trazos negros e brancos. Outórgalle grande importancia ao debuxo e aposta pola expresividade sintética e xeométrica lograda grazas á superposición de planos de cor, nos que predominan os tons brancos e grises, de xeito que foxe da perspectiva e dos volumes. A figura humana atraeu este autor ao longo da súa produción, xa que se pode cualificar como profundamente humanista.
Durante a última época de produción, García Patiño potenciou a creación de series pictóricas, dedicadas a temáticas diversas como a dos galegos ilustres, a do santoral galego, a do tarot ou a das escenas bíblicas; á ilustración e a potenciar a súa faceta de escultor, aproximándose unha vez máis ao estilo románico que tanto o influíra estilisticamente na súa traxectoria.
Bibliografía
COSTA CLAVELL, X.: La pintura de Patiño, Sotelo Blanco, Barcelona, 1990.
PATIÑO, Casa de Galicia – Xunta de Galicia, Madrid, 1995.