XURXO G. PENALTA
García Penalta, Xurxo
( A Coruña, 1976 )
Biografía
Cun especial interese polo debuxo desde a súa infancia, xa nos anos noventa participa en fanzíns da súa área natal e comeza a súa formación artística en 1995 na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; obtén a licenciatura en 1999. Entre o ano 2001 e 2003 a Deputación da Coruña concédelle dúas bolsas que lle permiten continuar a súa formación no programa Máster de Belas Artes en Estudos Visuais do prestixioso Minneapolis College of Art and Design. Explora diferentes disciplinas, principalmente a pintura, e exerce durante un ano como profesor de apoio. Así mesmo, obtén a bolsa Otto Bremer/Mcad (2000) e unha bolsa aos Méritos Artísticos nos cursos de posgrao (2002). Inicia a actividade expositiva en 1995 no XI Concurso Galego de Banda Deseñada - Xuventude 95, onde gana o primeiro premio, e realiza a primeira mostra individual, Pinturas Murales, na asociación cultural coruñesa El Lentejo. Tras a súa experiencia americana, regresa a Galicia, e no ano 2006 retoma o cómic, participa en exposicións colectivas en Galicia e colabora coa publicación Barsowia. Dous anos máis tarde, inicia o seu traballo en Estados Unidos con reputadas editoriais de primeiro nivel como Marvel Comics ou Dark Horse. Tamén destaca a súa faceta como guionista de cómics e outros traballos vinculados coa música, a moda e o cinema. Foi galardoado en repetidas ocasións: primeiro premio no XIII Certame Galego de Artes Plásticas – Xuventude 98 (1998), primeiro premio e premio extraordinario no Premio de Pintura Comarcas do Sar para Novos Valores en Padrón (2000 e 2001), primeiro premio no Mcad Merits Award Competition de Minneapolis (2002), mención de honor na VI Bienal Internacional de Arte Fundación Araguaney en Santiago de Compostela (2002), e primeiro premio de Deseño Gráfico Espiello 2005. Así mesmo, a súa obra forma parte da Colección da Deputación da Coruña, así como doutras coleccións nacionais e internacionais.
Se ben está considerado un dos ilustradores galegos máis relevantes na escena internacional —o seu labor máis popular—, na súa expresiva linguaxe pictórica de acento lírico, totalmente abstracto, apréciase unha simplificación levada ao extremo de maneira deliberada; todo é esencialidade, insinuación, suxestión… requirindo así a cooperación do espectador. Logra xuntar proceso creativo e resultado expresivo de tal forma que alcanza unha harmonía emocional nunhas obras en técnica mixta.
Na obra Sin título da Colección Afundación, datada no ano 2001, aparece a sinxeleza característica da súa poética, así como unha expresividade baseada no cromatismo e a materia. Introducindo distintos soportes: sobre unha base de madeira, aparece o lenzo transformado, como unha peculiar vendaxe, en tiras que se superpoñen cunha aparencia desordenada, de tal maneira que a obra adquire volume e múltiples matices a través do efecto da luz e das distintas tonalidades de cálido amarelo. Así mesmo, define sobre o espazo con grafito un gran círculo imperfecto con aparente inxenuidade, que case roza os límites do espazo pictórico, e que evidencia a intervención do home, de forma que lle confire certa humanización ao espazo.
Bibliografía
A VISIBILIDADE. Para ler o mundo, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.
VV.AA.: V Bienal de Lalín "Pintor Laxeiro", Concello de Lalín, Lalín, 2001.