FERRAN GARCÍA SEVILLA
García Sevilla, Ferran
( Palma de Mallorca, 1949 )
Biografía
Aínda que naceu en Mallorca, reside desde finais dos anos sesenta en Barcelona, cidade onde se licencia en Historia Contemporánea e Historia da Arte na Universidade de Barcelona; escribe a tese de doutoramento acerca da arte conceptual. Nun primeiro momento vincúlase á teoría e mais á crítica de arte, é discípulo do historiador e crítico de arte catalán Alexandre Cirici, e posteriormente será o seu profesor axudante; así mesmo exercerá ao longo da súa traxectoria como profesor de Belas Artes en diferentes universidades. Comeza a actividade artística no inicio dos anos setenta e realiza a primeira exposición individual na Casa da Cultura de Palma de Mallorca en 1970. Desde entón, participou en numerosas exposicións individuais e colectivas nas principais cidades de España e tivo unha proxección internacional moi grande, pois expuxo en Francia, Italia, Suíza, Suecia, Polonia, Noruega, Alemaña, Holanda, Eslovenia, Irlanda, Bélxica, Austria, Finlandia, Portugal, Rusia, Australia, Canadá, Estados Unidos, América do Sur, Xapón ou Tunisia; cómpre salientarmos a súa participación na X Bienal de París (1977), Bienal de Venecia (1986), Documenta de Kassel (1987) ou na Bienal de São Paulo (1996), entre moitas outras. A súa obra está representada en prestixiosas coleccións como a do MNCARS, Artium, CAAC, CAAM, Museo Patio Herreriano de Valladolid, Fundació La Caixa, Fundación Coca-Cola, Colección Los Bragales, Es Baluard, Fundación Banco Sabadell, Fundación Banco Santander, Fundación Juan March, Fundación RAC, IVAM, Museo de Arte Contemporánea Helga de Alvear, MACBA, Fundação Serralves (Portugal) ou a do Centre Pompidou (París).
Artista visual crítico, irónico, sarcástico, provocador e a un tempo poético, constitúe unha figura crucial no movemento denominado «arte dos oitenta», cando se produce un retorno á pintura. Nos comezos da súa carreira artística explora, cun carácter experimental e unha actitude crítica a nivel político, o vídeo, a fotografía, a instalación, a intervención artística, a body art ou as performances; logra destacar dentro do panorama conceptual catalán. A mostra Muermos na Galería G de Barcelona no ano 1977 supón a súa evolución cara ao universo pictórico, desde unha visión conceptual, con influencia de Miró e do expresionismo europeo. Considérase un coleccionista de imaxes de procedencia diversa, de maneira que a súa sinxela e personalísima poética se nutre da realidade cotiá e das súas múltiples viaxes a Oriente —interésalle especialmente a arte oriental— e xunta conceptos da bioloxía, cosmoloxía, natureza, relixión, política ou da historia do home en abraiantes composicións certeiras e ao mesmo tempo inxenuas nas que a materia, o automatismo, e o símbolo adquiren gran relevancia e nas que se adiviñan palabras, frases ou expresións, así como elementos propios da arte primitiva. Co paso do tempo a súa obra foi adquirindo un maior grao de abstracción, síntese e lirismo.
Unha obra gráfica, en concreto unha augaforte denominada Rato-2, figura na Colección Afundación; a disciplina do gravado ten un papel relevante na produción do autor de orixe mallorquina. Sobre un fondo xeométrico de motivos repetidos —é frecuente o recurso da repetición na súa linguaxe—, neste caso azulexos —empezan a aparecer na súa obra a partir de 1988— en liñas de cor neutra dispón unha serie de formas e signos, algúns máis xeométricos e outros máis orgánicos, de contrastado e vivo cromatismo, en negro —cor predominante—, laranxa, azul, amarelo e ocre, que semellan lembrar o universo mironiano.