JUAN GENOVÉS
Genovés Candel, Juan
( Valencia, 31 de mayo de 1930 - Madrid, 15 de mayo de 2020 )
Biografía
Nace no seo dunha familia vinculada ao mundo cultural e artístico. A Guerra Civil marca profundamente a súa nenez. Cursa estudos primarios e axuda o seu pai como decorador de mobles no obradoiro do seu tío Vicente, onde se familiariza co universo pictórico. En 1944 matricúlase en Metalistaría Artística, onde aprende a técnica do gravado. Dous anos máis tarde ingresa na Escola de Belas Artes de San Carlos. O seu espírito renovador e o seu compromiso social lévano a formar parte de colectivos moi significativos da posguerra española; adscríbese en 1950 ao Grupo Os Sete e en 1956 ao Grupo Parpalló, e funda en 1959 xunto a outros artistas o Grupo Fondo. En 1957 contrae matrimonio con Adela Parrondo, coa que terá tres fillos, e ten lugar a súa primeira exposición individual de pintura e cerámica na Galería Alfil de Madrid, con grande éxito de crítica e vendas. En 1958 instálase definitivamente en Madrid. En 1963, tras a disolución do Grupo Fondo, entra nunha crise que o leva a abandonar a pintura durante un ano, e dedícase ao deseño de xoias de prata. Dous anos despois retoma a súa actividade plástica e en 1966 asina un contrato de exclusividade coa galería Marlborough —que continuará ata a actualidade—, con sede en Londres e Nova York, que o leva a realizar numerosas exposicións a nivel internacional. Membro do Partido Comunista, en 1976 é detido por realizar o cartel que reproducía a súa célebre obra A aperta e que pedía a amnistía para os presos políticos da ditadura. Nos anos oitenta desvincúlase do Partido e céntrase no seu labor artístico cunha intensa actividade expositiva que continuará ata a actualidade. Foi galardoado en numerosas ocasións, entre as que cabe destacar a mención de honor na XXXIII Bienal de Venecia (1966), o Premio Nacional de Artes Plásticas (1984) e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2005).
Pintor, escultor e artista gráfico, co Grupo Os Sete comeza unha liña antiacadémica; o seu traballo céntrase na pintura figurativa do campo e das rúas. Co Grupo Parpalló vincúlase á abstracción figurativa, e co Grupo Fondo propón unha nova figuración fronte ao informalismo imperante. Nos anos sesenta, tras atravesar unha breve crise pictórica, comeza a formular dúas temáticas: o home só, resolto nun primeiro momento como unha colaxe en relevo con roupas reais, e a multitude, con tintas planas e estruturas plásticas de aspecto cinematográfico. A súa linguaxe consolidarase nun persoal realismo político e social cun estilo expresionista e provocador. Nos oitenta a paisaxe urbana é o seu principal foco de interese; plasma “espacios de la soledad” mediante unha restrinxida paleta de grises, azuis e ocres. Nos últimos tempos, representa vistas de paxaro de multitudes anónimas de seres humanos realizados con moita pintura de maneira que os “hombrecillos” adquiren unha terceira dimensión. A súa obra, en evolución constante, continúa mantendo esa tensión entre a fraxilidade do ser humano e as forzas que moven o mundo no século XXI.
A obra de Genovés Para a homenaxe a Picasso de Málaga, que figura na Colección Afundación, é unha augaforte en branco e negro de 1980 que reflicte a súa vocación crítica e inconformista. Destacan a forza da escena, cunhas cabezas enfrontadas co brazo alzado, e a coidada execución mediante a técnica de “desaparición por difuminado”, que introduce nos anos oitenta cunha persoal linguaxe realista e que contrasta coas súas célebres expresionistas masas de xente anónima.