XURXO GÓMEZ-CHAO
Gómez-Chao Fernández, Xurxo
( A Coruña, 1960 )
Biografía
Inicia a súa formación artística na Escola Pablo Picasso da Coruña (entre 1977 e 1979) e no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos para logo ingresar na Facultade de San Carlos de Valencia. A súa primeira individual ten lugar na Caja de Ahorros de Galicia (Pontedeume, A Coruña) en 1982. Foi bolseiro da Deputación da Coruña en 1989, trasládase durante dous anos a París para formarse na École National Superieure des Beaux Arts. A esta etapa inicial de formación séguenlle anos de investigacións con novos medios, e de exposicións, tanto individuais coma colectivas, en destacados foros artísticos de España, Portugal, Holanda, Francia e Irlanda, ata o momento actual. A súa obra foi incorporándose a coleccións de prestixio como a da Fundación Mª. Cristina Masaveu, Colección Morgan Stanley Dean Witter, Abanca, Museo de Belas Artes da Coruña ou a da Biblioteca Nacional de Madrid.
Na súa etapa inicial, a súa pintura evoluciona desde uns comezos figurativo-coloristas ata un expresionismo simbólico no que se impón o xesto e a densa materia. Son obras que reflicten problemáticas xerais do ser humano como a incomunicación, a soidade, o silencio ou o medo; fundamentais na súa produción futura pero cun tratamento artístico completamente diferente. Intégrase no Gruporzán e participa en iniciativas como Novíssimos ou en publicacións como Luzes de Galicia ou La naval. A súa estancia parisiense xunto ao artista francés Pierre Carron supón un punto clave na súa evolución artística, que o leva a unha pintura decorativista, con influencias de Balthus e Vuillard, máis serena e calmada; introduce un compoñente filosófico-orientalista e os elementos ornamentais adquiren gradualmente un papel protagonista. A obra dualízase, fragméntase. Pasa fugazmente por unha fase con tinturas surrealistas de raíz onírica e, a segunda metade dos noventa, a súa produción evoluciona cara a un figurativismo simbólico con referencias ao hiperrealismo e á op art; reflicte unha confrontación dual da realidade. Novos medios como a fotografía e impresión incorpóranse ao seu traballo a partir do ano 2000 e conviven en numerosas ocasións coa pintura. As paisaxes intérnanse no seu estudio, e desde o ano 2010 o traballo do artista coruñés céntrase principalmente na fotografía —en ocasións, combinada coa pintura— de paisaxes, de interiores e instalacións que compón no seu estudio, nas que a natureza ten un papel protagonista; invítanos a reflexionar acerca da fugacidade do paso do tempo, a soidade ou o concepto de beleza.
Dúas obras figuran na Colección Afundación. A pintura Rede no teixo (1999) pertence ao epílogo dos noventa e inscríbese na súa serie Labirintos, na que indaga no illamento e na incomunicación froito da tecnoloxía e da industrialización. Representa, cunha linguaxe hiperrealista, unha paisaxe idílica do río Tajo ao que lle antepón unha reixa metálica, que fragmenta o espazo pictórico e crea un “laberinto”, de xeito que priva o espectador de gozar da natureza e reflicte o cada vez máis complexo acceso ao mundo natural que nos rodea. En Big Bang 01 (O ceo caído) (2011), mediante unha instalación realizada con pétalos de flores, crea un trampantollo que evoca as imaxes do universo captadas polo telescopio Hubble. Trátase dunha obra fotográfica representativa dos seus últimos traballos, tanto a nivel temático (o concepto de paisaxe, o paso do tempo, ou a soidade son cuestións recorrentes na súa obra recente) como a nivel formal, pois apreciamos esa ollada pictoricista que crea imaxes, utópicas e oníricas, que reflicten a imposibilidade de dominar o tempo.
Bibliografía
BARRO, D.: Construyendo alegorías de incomunicación. A metáfora do labirinto, Concello de A Coruña, A Coruña, 2002.
LÓPEZ VALCÁRCEL, X.: Dialéctica e harmonía na obra de Xurxo Gómez Chao. A metáfora do Labirinto, Concello da Coruña, A Coruña, 2002.
SEOANE, X.: Os papeis de cidade. Carpeta de grabados, Deputación da Coruña, A Coruña, 1989.