DIEGO DE GIRÁLDEZ
Gómez de Giráldez, Diego
( A Cañiza, Pontevedra, 8 de marzo de 1957 )
Biografía
Nace nunha familia pequenoburguesa. A súa infancia verase marcada pola morte prematura do seu pai e transcorre na súa vila natal ata que se traslada a Vigo, onde residirá desde os oito anos (é fillo predilecto de ambos os lugares). Inicia de maneira precoz a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo e intérnase en círculos e faladoiros artísticos. Visita o Museo do Prado e devora libros de medicina e anatomía. En 1975 realiza a primeira exposición individual na Sala Van Gogh de Vigo cun grande éxito, despois de participar anos antes nas súas primeiras colectivas na Escola de Artes e Oficios, entre outros lugares. En 1976 viaxa a Cataluña. Alí amplía estudos artísticos, rodéase de intelectuais e forma parte de faladoiros con críticos de arte e artistas como Salvador Dalí ou Antoni Pitxot. Ao longo da súa traxectoria participou en máis de catrocentas exposicións individuais e en múltiples mostras colectivas; en 1980 é seleccionado para a exposición Maestros del Realismo Español con Antonio López ou Eduardo Naranjo, entre outros, e tamén é un dos dous pintores que representa a España na Exposición Universal de Lisboa de 1998. Así mesmo, está representado en máis dun cento de museos repartidos por todo o mundo: Asia, África, América e Europa (entre eles no Vaticano) e en innumerables coleccións privadas e institucionais. Recibiu numerosas distincións, premios e homenaxes en Europa, fundamentalmente en España e Portugal, e —desde o ano 2006— conta cun museo propio na Caniza.
Artista multidisciplinar e escritor, cultivou fundamentalmente a escultura e a pintura. A nivel formal as súas pezas, de debuxo e pincelada precisa, fan que o representado —sexan obxectos, animais ou persoas— adquira unha dimensión transcendente. A súa mirada detense na relación do home coa natureza e o contorno. Os obxectos, animais ou persoas logran un carácter simbólico e, en ocasións, surreal grazas aos seus xogos de escalas. Os seus referentes atopámolos na pintura española do século XVII ou o grupo Dau al Set. En canto á súa traxectoria, afirma: “Inicieime cun debuxo máis ou menos clásico, ao que despois lle engadín un concepto persoal; sen querer entrar no surrealismo, tras coñecer a Dalí, profundei no mundo NAS”. En 1982, coa obra Cristo hombre, presenta unha nova maneira de entender a pintura, o realismo NAS, termo creado por el mesmo é unha conxunción de naturalismo, abstracción e surrealismo. A temática da súa obra vai desde o bodegón e a paisaxe ata a figura, retrato ou temática relixiosa, e tecnicamente destaca polo seu persoal estilo, con materias mixtas, nas que tan pronto emprega o óleo coma o pastel, a acuarela, o carbón ou a tinta. Actualmente o seu traballo céntrase no estudo da cor e, en concreto, profunda no laranxa.
Na Colección Afundación atopamos cinco significativas obras, datadas entre finais dos setenta e finais dos noventa, representativas da súa persoal pintura e da súa débeda coa estética tenebrista. Nas dúas obras tituladas Bodegón amosa a predilección polos obxectos transparentes. Combina un talante surrealista cunha actitude crítica cara á deterioración da natureza en El árbol de la vida. En Oliva e en Mesa con limones dá mostras da súa paixón polo detalle e polo minucioso; grazas ao xogo de escalas e ao tratamento dos fondos os elementos retratados magnifícanse e adquiren unha dimensión simbólica.
Bibliografía
DIEGO de Giráldez, Casa de Galicia, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.
DIEGO de Giráldez: La realidad y su espejo, Edit. Nigra, Vigo, 2001.
FARALDO, R.: Diego Giráldez de Pontevedra al mundo, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1991.
PABLOS, F.: El mundo de Diego de Giráldez, Deputación de Lugo, Lugo, 1991.