ÁLVARO DE LA VEGA
González de la Vega, Álvaro
( Paradela, Lugo, 1954 )
Biografía
A infancia de Álvaro de la Vega transcorre en Paradela (Lugo), feito que terá unha salientable influencia na súa obra. Tras un traslado temporal da familia a Luarca regresa a Lugo, onde remata Bacharelato e realiza a súa primeira exposición de pintura. Con vinte e dous anos marcha a Barcelona para estudar Belas Artes. Contra 1990 instálase en Corcubión (A Coruña), onde comeza a internarse no universo escultórico; toma como punto de partida a figura, tanto humana coma animal. En 1991 realiza a súa primeira mostra individual de escultura na Galería Tom Maddock en Barcelona. A finais dos anos noventa inicia unha etapa de prolífica actividade expositiva en destacadas galerías e institucións, tanto a nivel nacional coma internacional (fundamentalmente Francia e Latinoamérica), e a súa obra comeza a incluírse en prestixiosas coleccións tales como Abanca, Gas Natural Fenosa, Museo de Belas Artes da Coruña, Fonds d´art Caixa ou a do Museu d’Art Contemporani de Barcelona.
Nos seus inicios, a pintura é o seu medio habitual de expresión e inspírase na fotografía, no cómic ou no graffiti. Os seus comezos escultóricos caracterízanse polo emprego da pintura para potenciar o valor expresivo das súas pezas de madeira. Durante a década dos noventa incorpora materiais como o ferro, a cerámica ou a pedra —todos eles directamente relacionados coa natureza ou con profesións tradicionais— aínda que a madeira será sempre o seu material predilecto. A comezos deste século, afonda na relación da obra co espazo e incorpora cables fixados a paramentos ou a teitos, ou cerramentos e soportes que constitúen verdadeiras intervencións no espazo que ocupan. Actualmente, esa interrelación espazo-obra-espectador segue sendo o eixe do seu discurso. As súas esculturas posúen unha vontade de reflexión social ou introspectiva, cuxos protagonistas son home e animal. O proceso previo de debuxo marca o resultado final onde non acostuma a personalizar fisionomías para sublimar a expresión. As pegadas das ferramentas reflíctense para amosar un proceso cargado de “sentimiento puro”, de impulso e inmediatez. Natureza e territorio están presentes no seu imaxinario desde a súa infancia. Estilisticamente a súa obra enmárcase dentro da figuración expresionista aínda que, progresivamente, as súas figuras vanse desprendendo dunha abafadora soidade e pasan a relacionarse entre elas, os trazos van adquirindo maior definición e a roupa vai cubrindo a nudez, de maneira que evoluciona cara a un maior realismo e chega mesmo a explorar o retrato.
As pezas que forman parte da Colección Afundación pertencen á década dos anos noventa e en todas elas o corpo humano está presente. Cabeza X —a obra máis temperá— representa un busto curto, que non amosa o arranque dos brazos. A súa marcada verticalidade, e a rudeza do acabado da madeira potencian o seu expresionismo. Tamén de madeira, aínda que neste caso combinada con ferro, é a obra múltiple 5 mans dereitas ou parábola da firmeza. Unha “firmeza” exemplificada mediante 5 mans dereitas de grandes dimensións pousadas directamente sobre o chan cos seus cinco antebrazos apoiados na parede. A viveza das superficies amósanos unhas mans descarnadas nas que está presente a pegada do sufrimento e serven como instrumento de denuncia. Proporcións, posición e localización permiten crear un interesante diálogo entre espazo, obra e espectador. Por outro lado, a obra de ferro fundido Figura e fume, amosa un home erguido nu cos brazos entrecruzados que quere suxeitar coas súas mans un arame de fume. O seu corpo simula estar carbonizado e a iconografía está inspirada na obra Home do cordeiro do mestre Pablo Picasso.
Bibliografía
IV MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1995.