LUIS GORDILLO
Rodríguez Gordillo, Luis
( Sevilla, 1934 )
Biografía
Luis Gordillo formouse en Belas Artes na escola superior da súa cidade natal, Sevilla, tras rematar Dereito, e durante ese período viuse influenciado polas correntes plásticas contemporáneas, filtrándoas, asimilándoas e introducíndoas paulatinamente no seu estilo persoal, desde o dadaísmo, ao hiperrealismo, pasando polo surrealismo ou polo existencialismo.
A finais dos anos 50 tería a oportunidade de continuar os seus estudos en París, onde coñece a abstracción e a pop art, que lle permiten ampliar e traballar a súa expresividade configurando a súa propia linguaxe. Progresivamente, Gordillo foise convertendo nun referente da creación plástica a nivel nacional na segunda metade do século XX, debido ao seu incesante labor de investigación e experimentación. Isto permitiulle desenvolver e interpretar diferentes estilos para adaptalos á súa produción, así como empregar diferentes medios e técnicas, ao tempo que influíu en artistas máis novos. Interesado por un coñecemento global, pola música, polo cine ou pola psicanálise xogan un papel determinante nas creacións deste autor que enriquece a súa linguaxe plástica, ateigada de elementos simbólicos e narrativos que a singularizan, facendo referencia a diferentes situacións sociais, moitas veces en forma de denuncia.
A traxectoria deste autor viuse recoñecida co Premio Nacional de Artes Plásticas, co Premio Velázquez de Artes Plásticas, co Premio de Andalucía de Artes Plásticas ou coa Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes, entre outros. Así mesmo, a súa presenza en exposicións foi constante desde o inicio da súa carreira, participando nas máis destacadas galerías españolas, así como en centros e museos a nivel internacional como o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid), a Fundación Juan March (Palma de Mallorca), o Kunst Museum (Bonn), o Museo de Belas Artes de Caracas, o Museo Nacional de Belas Artes da Habana ou o Centro Andaluz de Arte Contemporánea de Sevilla, entre outros.
Son múltiples e destacadas as coleccións públicas e privadas nas que se conserva obra de Luis Gordillo como a Biblioteca Nacional de Madrid, Colección Pilar Citoler, Patio Herreriano de Valladolid, Fundación Gulbenkian (Lisboa), Museo de Arte Abstracta de Cuenca, Museo de Arte Contemporánea de Barcelona ou Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid).
Aínda que ao longo da súa dilatada carreira traballou diversas técnicas, o gravado foi unha das súas predilectas, xa que para el a serialidade e a repetición, como elementos compositivos, supoñen unha gran ferramenta de exploración plástica. A litografía pertencente á colección de Afundación é un exemplo disto. Na composición abstracta superpón varios planos de cor en distintos tons de gris sobre os que parecen flotar diferentes trazos orgánicos de carácter reiterativo, así como pequenas pezas xeométricas que combinan a ordenación da composición coa impulsividade, unha das características da produción de Gordillo.