GOYA
Goya y Lucientes, Francisco de
( Fuendetodos, Zaragoza, 30 de marzo de 1746 - Burdeos, Francia, 16 de abril de 1828 )
Biografía
Trátase dunha das cimas da arte ó longo de toda a historia; un ser xenial, innovador, capaz de crear un mundo propio, de transforma-lo tempo que lle tocou vivir, a segunda metade do século XVIII e o primeiro cuarto do turbulento XIX, sen máis armas cós pinceis e os burís; tamén de testemuñar toda a falsa grandeza e a inmensa miseria dunha monarquía estéril, obsesionada máis ca influída por unha relixiosidade oficializada na que daba os seus derradeiros coletazos á nefasta adquisición. Nese medio, e partindo da orixe máis humilde, vive, traballa, crea, padece, prospera e desespérase un aldeán marcado polo talento, que roturará tódolos campos da pintura moderna, recollendo os asomos do impresionismo, que xa se atopan no postrer Velázquez, para os asentar, facelos vivos, perdurables e adiantarse ó expresionismo e ó documento trascendido. Nace Francisco de Goya o 30 de marzo de 1746 nunha aldea labrantina, perdida no secarral aragonés, fillo dun modesto dourador e unha media fidalga vida a menos. Inicialmente alumno da escola de debuxo do escultor Juan Ramírez, a súa verdadeira aprendizaxe do oficio empézaa en Zaragoza cando ten dez anos no taller de José Luzán, un pintor insignificante. Por desgracia, a súa obra persoal máis temperá, relicario para a igrexa da súa aldea natal, perdeuse. Ós dezaseis anos chega a Madrid, semella que fuxido e despois de ficar agochado algún tempo, perseguido pola xustiza por mor dunha loita na que quedaron tendidos no chan nada menos que tres homes. Bravo debía se-lo chaval, con aspecto tosco e un pouco aletargado, segundo os autorretratos iniciais, que serán moitos ó longo da súa vida porque Goya vai reflexionar moitas veces, intenso solitario, fronte á súa propia imaxe nun espello. Coñece, claro que a distancia, a vida da corte de Carlos III, excepción na dinastía borbónica que despois dará exemplos tan tristes coma Carlos IV e tan nefastos coma Fernando VII. Triunfa Mengs, que nada vai influir en Goya, e Tiepolo, que si impresionará ó futuro grande artista, como se demostra nos seus frescos da ermida de San Antón da Florida. O aragonés oposita a unha bolsa da Escola de San Fernando, que perde perante un galego, Gregorio Ferre, artista moi modesto. O intento vaino repetir, con idéntica sorte; non obstante consegue viaxar a Roma en 1771 e despois dunha curta estancia na capital italiana volve a España e instálase en Zaragoza, onde realiza a decoración da bóveda da capela da virxe do Pilar, a súa obra máis temperá conservadora. Desta época é un dos seus retratos iniciais. Coñece ós Bayeu, influíntes na corte e casa coa irmá, Josefa, en Madrid, en 1773, esta será unha compañeira fiel, discreta, sen influencia notable na súa vida porque está moi lonxe de comprende-lo xenio de Goya. Ese matrimonio permítelle un novo salto a Madrid, xa definitivo, a finais de 1774. Un ano despois empeza a traballar eventualmente nos cartóns para a Real Fábrica de Tapices. Aínda que está suxeito a imposicións case frívolas, comeza a mostra-lo seu talento; os testemuños atópanse hoxe no Museo do Prado. Regresa ocasionalmente a Zaragoza para traballar na basílica do Pilar e outra vez en Madrid farao para San Francisco El Grande, quen nunca se sentirá a gusto na pintura relixiosa. Empeza a relacionarse cos ilustrados deste tempo sen ilustración en España, como son o conde de Floridablanca, o arquitecto Ventura Rodríguez, o xurista Jovellanos e o poeta e dramaturgo Moratín. Os cargos oficiais dos que disfrutará en 1785 co nomeamento do teniente director da pintura da Academia de San Fernando. Segue co seu traballo, moito máis considerado xa, para a Fábrica de Tapices. En 1786 desígnano pintor da Cámara Real, a súa máxima aspiración. Relaciónase coa aristocracia á que retrata con éxito; a alta sociedade española desexa posar para Goya, tan diferente, tan vivo nas súas expresións plásticas. A ascensión ó trono de Carlos IV, ó empeza-lo ano 1789, confirmará xa a imparable carreira de Goya, pois tres anos máis tarde é o primeiro pintor desa máxima categoría oficial. Tras unha viaxe a Cádiz enferma seriamente e as secuelas serán a xordeira progresiva que vai padece-lo artista. Nunca se determinou con exactitude a causa, se cadra unha enfermidade venérea. A súa relación coa duquesa de Alba, que tan intensa influencia terá na vida do artista e que atanta falsa literatura dará lugar, iníciase en 1795. É evidente que pasou con ela moitos días, en Andalucía, en Madrid, no predio que a aristócrata intelixente e trouleira tiña en Pedrafita, vila da provincia de Ávila. É certo que a retratou varias veces, como fixo co seu marido, home cabal e admirador de Goya que finou novo. Pero seguro é que Cayetana non foi a modelo das "Majas", sinxelamente porque a duquesa era alta e as mulleres que posaron para estes famosísimos cadros eran máis ben baixas e con anatomías xenerosas, fronte a esvelteza da de Alba. Goya afecciónase ós touros e asiste con frecuencia ás corridas; fai amizade cos diestros da época, coma os Romero, ós que retrata. Aínda non rematara a decimoitava centuria cando empeza a súa tarefa de gravador na que se ensaiara cunha serie de traballos sobre obras de Velázquez, tecnicamente correctas pero sen xenio que mostrará na súa obra persoal. De 1799 datan Los Caprichos, serie de 80 láminas ás que precede un autorretrato do autor. Retrata ós reis, ó favorito da raíña, Manuel Godoy, quen posuíu moitas das mellores obras de Goya, coma as Majas, a muller do que logo sería Príncipe da Paz, a condesa de Chinchón, será unha das súas pinturas cume. A cabalo entre as dúas centurias realiza o seu cadro de máis empeño, La familia de Carlos IV, á que se lle engade un autorretrato. Comezan os avatares dramáticos para a vida española coa La batalla de Trafalgar, en 1805. Goya traballa febrilmente na galería de personaxes da corte; probablemente de 1806 son as Majas. Chega a invasión napoleónica e con ela a rebelión popular pola defensa dunha dinastía que non o merecía; estamos en maio de 1808. Goya presencia a carga dos mamelucos e, probablemente, os fusilamentos do 3 de maio na montaña do Principe Pío, os que reflecte en dúas obras inmortais. O mestre, completamente xordo, aterrado polas circunstancias, adquire a chamada Quinta do Xordo, nos arredores de Madrid, onde pinta con ansiedade esas obras que se van denominar Pinturas Negras, non destinadas á exhibición pública, e grava as pranchas que constituirán moito despois o álbum de Los desastres de la Guerra, un dos cales exemplares orixinais se atopa felizmente asentado en Vigo. A guerra marca a Goya, como marca a España e a toda Europa. Anos de soños e padecementos e tamén de grande pintura, coma os retratos de Palafox, de Jovellanos, de tantas figuras perdurables. Goya retrata ó efímero rei imposto, José I, coñecido popularmente co alcume de Pepe Botella, irmán de Napoleón; tíldano de afrancesado e séntese perseguido trala reafirmación de Fernando VII, persoeiro cunha estulticia mesturada de maldade, que tan maxistralmente reflectiu o pintor. Pasaron os anos do liberalismo, das Cortes de Cádiz, da esperanza de apertura a novas correntes sociais. De 1819 exactamente data a escritura de compra da Quinta do Xordo, que o pintor xa debía coñecer polas súas frecuentes fuxidas do eido cortesán. Nela grava "Los desastres de la Guerra", que garda celosamente porque son unha proba que fai fe do seu rexeitamento á orde imperante. Goya vive retirado, moi enfermo, na súa Quinta do Xordo; en xaneiro de 1824 organízanse as comisións militares de depuración contra o absolutismo, transcorrido o trienio liberal. Goya, amigo dos afrancesados, nada absolutista, séntese inseguro. Co pretexto dunha cura termal, pide licencia para trasladarse a Francia; está algún tempo en París para volver a Burdeos por onde pasara na súa triste e penosa viaxe, por mor dos seus setenta e oito anos e da súa crebrantada saúde, pero malia todo traballa; pinta e fai litografías, técnica daquela novidosa. Varias obras de pequeno formato datan desta época durante a súa estancia en Francia, cando xa a morte o anda rondando. A derradeira é La lechera de Burdeos. Foron case tres anos axitados, cheos de desacougos, anguriado polo panorama español, que quere irrenunciablemente. O mestre fina a noite do 15 ó 16 de abril de 1827, acompañado por Pío de Molina e o pintor amigo das súas derradeiras xornadas, Antonio de Brugada. Enterrárono nun pequeno panteón do ceminterio de Burdeos, ata que en 1919 os seus restos, cos do outro español exiliado, Goicoechea, foron traídos a España, concretamente á ermida de San Antón de Florida, debaixo das súas xeniais pinturas. Anos despois, en 1927, trasladaron o sepulcro a Zaragoza, onde se conserva actualmente. A pintura de Goya ten unha primeira etapa de dubitación un tanto convencional, aínda que moi grata, nos cartóns para tapices. Aborda a composición relixiosa en escasas ocasións pero maxistralmente en acertos coma a última comunión de San Xosé de Calasanz no seu Cristo, mais non é así en determinadas alegorías. Maxistral é tamén o retrato, ben de cortesán, ben de amizade, con exemplos coma o do xeneral Palafox, a duquesa de Chinchón ou Jovellanos. Maxistrais son as súas composicións e abondarían para lle da-lo posto de honra na historia da arte da devandita Familia de Carlos IV, La carga dos Mamelucos e Los fusilamientos del 3 de mayo. O gravador é fito, con Rembrant, antes, e Picasso, máis tarde. Colorista excepcional e debuxante prodixioso non representa senón que crea caracteres. Goya ten un mundo propio, ata o punto de que xerou un adxetivo "goiesco", para unha tipoloxía que perdura, pese a teren transcorrido dous séculos desde que a realizou. A obra do mestre é orgullo do Museo do Prado, o seu mellor repertorio, malia estar en tódolos museos do mundo. Fundamental é a súa obra gráfica na serie Los Caprichos, La Tauromaquia e Los desastres de la Guerra; e fundamental é coñece-los seus frescos da ermida de San Antón da Florida, cos que acada a máxima facilidade de mancha, de liberdade de expresión, de alegría popular no eido relixioso, tan esquivo habitualmente ó seu talento.
Bibliografía
A bibliografia de Goya é amplisima.Un dos mellores repertorios posúeo o Museo de Pontevedra, doado por Francisco Javier Sánchez Cantón, gran estudioso de Goya. Así pois, ofrecemos unha selección:
CAMÓN AZNAR, J.: Goya, Pub. Inst. Camón, 4 vols., Zaragoza, 1980 - 1982.
GUDIEL, J.: Goya, Edic. Polígrafa, 2 vols., Barcelona, 1980.
BERUETE Y MONET, A. DE: Goya, pintor de retratos, Blass y Cía., Madrid, 1916.
BERUETE Y MONET, A. DE: Goya. Composiciones y figuras, Blass y Cía., Madrid, 1917.
BERUETE Y MONET, A. DE: Goya. Grabador, Blass y Cía., Madrid, 1918.
DESPARMENT FITZ-GERALD, X.: L'oeuvre point de Goya, Catalogue raissonné, F. de Nobele, París, 1928 - 1950.
HARRIS, T.: Goya. Engravings and lithographs, Bruno Cassirer, Oxford, 1964.
LAFUENTE FERRARI, E.: Los desastres de la guerra y sus dibujos preparatorios, Instituto Amatller de Arte Hispánico, Barcelona, 1952.
LAFUENTE FERRARI, E.: Les fresques de San Antonio de la Florida a Madrid, Lausanne, 1953.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Goya, su vida y sus obras. Madrid, 1913.
ZAPATER Y GÓMEZ, F.: Goya, noticias biográficas. Zaragoza, 1868.
GÓMEZ DE LA SERN, G.: Goya y su España. Madrid, 1969.
HELMAN, E.: Trasmundo de Goya. Madrid, Rev. de Occidente, 1963.
BERUETE Y MONET, A.: Goya, pintor de retratos. Madrid, 1916.
BERUETE Y MONET, A.: Goya, composicións e figuras. Madrid, 1917.
BERUETE Y MONET, A.: Goya, gravador. Madrid, 1918.
CAMÓN AZNAR, J.: Francisco de Goya. 4 vols. Zaragoza. Caja de ahorros de Zaragoza, Aragón y Rioja, 1980-82.
CAMÓN AZNAR, J.: "Los disparates" y sus dibujos preparatorios. Barcelona, 1951.
CARRETE PARRONDO, J., CHECA CREMADES, F. y BOZAL, V.: El grabado en España. Siglos XV ó XVIII. Vol. XXXI de "Summa Artis". Madrid, Edit. Espasa Calpe, 1988.
GÓMEZ DE LA SERNA, R.: Goya y su España, Madrid, Alianza edit. 1969.
GÓMEZ DE LA SERNA, R.: Goya. Madrid, edit. Espasa Calpe, v.e.
GUDIOL, J.: Goya. Biografía, estudio analítico y catálogo de sus pinturas. 2 vols. Barcelona, Edic. Polígrafa, 1985.
HELMAN, E.: Trasmundo de Goya. Madrid, Rev. de Occidente, 1963
LAFUENTE FERRARI, E.: Los Desastres de la guerra y sus dibujos preparatorios. Barcelona, 1952.
LAFUENTE FERRARI, E.: El mundo de Goya en sus dibujos. Madrid, edit. Urbión, 1979.
LAFUENTE FERRARI, E.: Breve historia de la pintura española, Madrid, Edit. Tecnos, 1953.
LÓPEZ REY, J.: Goya's caprichos. 2 vols. Princeton, 1953.
MALRAUX, A.: Saturne; essai sur Goya. París, 1950.
MAYER, A. L.: Francisco de Goya. Madrid 1923.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Goya. París, 1930.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Los caprichos de Goya y sus dibujos preparatorios. Barcelona, 1949.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Goya, su vida y sus obras. Madrid, 1953.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J.: Francisco de Goya. En vol. XVIII de Ars Hispaniae. Madrid, Edit, Plus Ultra, 1958.
SÁNCHEZ CANTÓN, F. J. y SALAS, X. de: Goya y sus pinturas negras en la Quinta del Sordo. Milán Barcelona, 1963.
TORMO, E.: Las pinturas de Goya, Madrid, 1900.
VIÑAZA, Conde de la: Goya, su tiempo, su vida, sus obras. Madrid, 1887.
ZAPATER, F.: Goya. Noticias biográficas. Zaragoza, 1868.
VV. AA.: Goya, 250 aniversario. Madrid, 1966. Catálogo
VV. AA.: Goya. Los desastres de la guerra. Los caprichos. La Tauromaquia y los Proverbios o Disparates. Vigo, Caixavigo, 1996 y 1998. Catálogos.
Obra
-
Aguarda que te unten 1793 - 1799
-
Todo va revuelto 1810 - 1920
-
Perros al toro 1814 - 1816
-
No saben el camino 1810 - 1920