Nacido nunha humilde familia, trasládase a Santiago moi nova para exercer como «mozo de sancristía» no mosteiro de San Martín Pinario; onde recibe a súa inicial formación artística. Apoiado economicamente polos monxes benedictinos, márchase a Madrid en 1759 para ingresar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Inicialmente asiste ás clases do escultor galego Felipe de Castro, para moi pronto recibir leccións do pintor napolitano Corrado Giaquinto; aínda que quen realmente marcará ao mozo Ferro será o neoclásico Antonio Rafael Mengs, o seu mestre de 1761 a 1769. Desde os seus inicios, concorre aos concursos organizados pola devandita institución con enorme éxito. Obtén destacados premios, en 1760 xa logra o segundo premio da terceira clase de pintura, e tres anos máis tarde, obtén unha pensión da Academia superando a Goya con quen volverá a «enfrontarse» por diferentes cargos académicos no futuro. Nos anos seguintes sucédense os logros; cabe destacar o segundo premio obtido en 1772 e grazas ao seu mestre Mengs, realiza unha serie de retratos familiares para o infante Luis de Borbón. En 1781 é nomeado académico de mérito, sete anos máis tarde convértese en tenente director de pintura da Academia, e en 1804 obtén o posto de director xeral. A pesar de estar establecido en Madrid, onde realizará numerosas obras, traballará frecuentemente para Galicia; destacan as pinturas que realiza para a catedral de Santiago de Compostela.
O seu universo pictórico está definido pola influencia de Mengs; está considerado como un dos seus máis fieis discípulos. Pertence á primeira xeración neoclásica e segundo Enrique Fernández Castiñeiras, constitúe «unha das importantes figuras que serviran de elo entre o que algúns deron en chamar clasicismo rococó». En palabras de Otero Núñez, é «un pintor con roupaxe neoclásico, pero alma barroca». Na súa produción, moi abundante, domina a temática relixiosa, na que destaca especialmente, aínda que tamén hai lugar para o retrato. Cultiva a pintura, óleo e fresco, o debuxo, e así mesmo o gravado, e a ilustración na obra Viaje a España de Antonio Ponz.
Na Colección Afundación figuran dúas obras do «pintor de Boqueixón», un debuxo e un óleo sobre lenzo. No debuxo −que parece preparatorio− representa, con grafito e clarión sobre un singular papel tinguido en gris, a dramática escena na que Jesús atópase coa súa nai, María, camiño do Calvario. No nivel inferior sitúanse os personaxes principais, e no nivel superior, unha serie de anxos, nunha composición complexa cargada na que evidencia a súa boa técnica dibujística. Doutra banda, na obra pictórica aborda o retrato oficial dun personaxe ilustre, Alejandro Carvia de Torre, vinculado a Galicia. Representa ao home sereno, sen afectación, erguido en tres cuartos ata debaixo da cintura sobre un fondo escuro e elegantemente ataviado coa perruca branca agrisada característica. Oculta a man dereita dentro da súa roupa, un xesto propio dos retratos do século XVIII e XIX e asociado a Napoléon Bonaparte, e coa outra man sostén un papel. Nun nivel superior, a ambos os dous lados, aparecen dous escudos, e no nivel inferior dereito un recadro onde figuran escritas todas as distincións do home de alta alcurnia. A mestría do autor evidénciase na viveza da mirada do retratado así como na riqueza no tratamento dos detalles evidénciase nos bordados do chaleco, encaixes, botonaduras e condecoracións que dotan a este retrato oficial dunha «alma» especial.
FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E.: «Gregorio Ferro», en Artistas Gallegos pintores. Hasta el Romanticismo, Nova Galicia Edicións, Vigo, 1999, pp. 228-259.
FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E. e LÓPEZ VÁZQUEZ, J. M.: Gregorio Ferro: Pintor de Boqueixón, Deputación da Coruña, A Coruña, 2011.
MORALES Y MARÍN, J. L.: Gregorio Ferro: (1742-1812), Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1999.
PABLOS, F.: A pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias, Edicións Nigra Trea, Vigo, 2003, pp. 16-17.
VV. AA.: Galicia Arte, Tomo XV, Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1999, pp. 126-130.