JOSÉ GUERRERO
Guerrero, José
( Granada, 27 de octubre de 1914 - Barcelona, 23 de diciembre de 1991 )
Biografía
José Guerrero vive a súa infancia e adolescencia no seo dunha humilde familia en Granada. Inicia os seus estudos artísticos nos cursos nocturnos da Escola de Artes e Oficios de Granada, que posteriormente continúa, unha vez rematada a Guerra Civil, na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid, onde é discípulo de Daniel Vázquez Díaz. En 1945 obtén unha bolsa do Goberno francés que lle permite estudar en l´École des Beaux Arts de París e tomar contacto en vivo coa vangarda europea, en especial, cos pintores españois da Escola de París. Esta estancia ten un fondo impacto en Guerrero que o leva a viaxar por Europa durante anos na procura da modernidade. En 1949 contrae matrimonio coa xornalista estadounidense Roxane Whittier Pollock; instálase nos Estados Unidos, primeiro en Philadelphia e un ano despois en Nova York, onde establece contacto coa galería Betty Parssons; aprende a técnica do gravado no recoñecido Atelier 17 con Stanley William Hayter, e en 1953 adopta a nacionalidade estadounidense. En 1954 participa nunha mostra no Art Club of Chicago, xunto a Miró, que supón a súa eclosión internacional. Regresa a España en 1965; expón na Galería de Juana Mordó, e a súa obra comeza a ser valorada no seu país natal. Axiña volve a Nova York, pero visita España de novo en anos posteriores. Considerado un dos pintores españoles máis importantes da Escola de Nova York, destaca o seu temperán recoñecemento ao ser nomeado polo goberno francés Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras (1959). Ao longo da súa traxectoria obtivo outros destacados galardóns como a Medalla de Ouro ás Belas Artes (1984) e tamén foi unha figura clave na creación do Museo de Arte Abstracta de Cuenca. No ano 2000 abre as súas portas en Granada o Centro de Arte José Guerrero, cuxo labor é conservar, mostrar e promover o estudo e a difusión da obra do artista.
Os inicios de Guerrero no universo artístico, de alento innovador, son figurativos. A raíz da súa experiencia parisiense, na que establece amizade con Picasso, Juan Gris e Miró, e na que lle impacta moito a obra de Matisse, recoñécense nas súas obras influencias vangardistas que se van disipando a comezos dos anos cincuenta cando descobre o expresionismo abstracto en Nova York. Toma como referentes, entre outros, a Mark Rothko, Franz Kline e Robert Motherwell, e crea unhas obras que serán sometidas a un progresivo proceso de abstracción e síntese formal cara a comezos dos sesenta cunha primacía das masas cromáticas expandidas sobre a superficie pictórica; aproxímase á pintura xestual e revela a súa preferencia por unha pintura mural. España e, en concreto Granada, cobran protagonismo na produción previa ao seu regreso. Contra finais dos sesenta comeza unha nova etapa coa serie Fosforescencias, e posteriormente o tema do arco vólvese recorrente nunha serie de pinturas. Anos máis tarde, a orde compositiva, o dominio da cor, así como a súa concepción do cadro como un muro, fundamentan o seu traballo.
A serigrafía que figura na Colección Afundación constitúe un excelente exemplo da relevancia da obra gráfica na súa traxectoria. Datada a finais dos setenta —etapa de plenitude— destacan o xesto e a luminosidade duns vibrantes e cálidos vermellos e amarelos, encadrados nunha estrutura xeométrica, rodeados dunhas masas de intenso negro, obsesivo e recorrente na súa obra; as cores teñen unha simboloxía e especial importancia na súa linguaxe pictórica.