JOSÉ HERNÁNDEZ
Hernández, José
( Tánger, Marruecos, 1944 - Málaga, 2013 )
Biografía
José Hernández iniciouse na pintura a mediados dos anos 50 de forma autodidacta, debuxando e pintando do natural. Axiña interesarase polo informalismo e investigará coa introdución de diferentes materiais nas súas obras, abordando para iso diferentes técnicas. A mediados dos anos 60 ten a oportunidade de viaxar por Europa e ao seu regreso instálase en Madrid, cidade na que continuou traballando o resto da súa vida. Sería na madrileña Galería Edurne onde celebrou a súa primeira exposición individual en 1966.
A súa dedicación ao gravado propiciou a colaboración con diversos escritores e poetas, que compaxinou coa súa faceta como ilustrador traballando para edicións de gran difusión. Así mesmo, tamén realizou numerosos proxectos como escenógrafo e figurinista para representacións de teatro clásico e contemporáneo, ópera e cine representadas no Teatro Real, no Teatro Pavón e no Teatro Albéniz de Madrid, así como no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e en varias edicións do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. Ademais, Hernández compaxinou a súa faceta creativa coa de docente, impartindo obradoiros de gravado.
A obra de Hernández foi exposta tanto a nivel nacional coma europeo e a súa carreira foi recoñecida co seu ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, na Real Academia de Belas Artes de Santa Isabel de Hungría de Sevilla e na Academia Europea das Ciencias, das Letras e das Belas Artes de París. A súa produción está presente nas coleccións de distintas institucións como Biblioteca Pública de Nova York, Museo de Arte de Baltimore, Museo de Belas Artes de Bilbao, Colección de La Caixa de Barcelona, Calcografía Nacional de Madrid, Museo de Belas Artes de Asturias, Colección de Arte Contemporánea de AENA ou The Godwin-Ternbach Museum (Nova York).
Este autor desenvolveu ao longo de toda a súa traxectoria, unha linguaxe persoal na que os motivos oníricos protagonizaron a súa produción plástica. Isto apréciase na augaforte O soño interrompido, na que sobre un fondo neutro agrisado centra unha figura antropomorfa de perfil. Nesta obra percíbense as claras influencias do seu estilo surrealista, que o artista sen dúbida domina, así como referencias a debuxos caricaturescos flamencos e xogos plásticos de Arcimboldo.