ELOY HERNÁNDEZ
Hernández Rollán, Eloy
( Vigo, 1967 )
Biografía
A súa primeira mirada consciente, nos ambientes familiares, é a arte, xa que pertence á terceira xeración dunha dinastía de artistas, os irmáns Hernández, ourives, esmaltistas, pintores e escultores orixinarios de Valladolid e establecidos en Vigo hai moitos anos. A primeira delas foi galardoada en certames internacionais e eloxiada por Juaristi, o mellor tratadista do esmaltismo en España. O rapaz acode ó taller dos seus maiores, na rúa do Príncipe, e debuxa case inconscientemente ó carón do seu avó, pai, tío, todos artistas. Cursa a carreira de Belas Artes na facultade de Salamanca entre os anos 1985 e 1990, e considera que é maior a influencia do ambiente da cidade renacentista e plateresca cá dos profesores, aínda que lembra o labor dun excelente gravador, Luis Pastor. Ó mesmo tempo, fai a carreira de Xeografía e Historia, na universidade salmantina, licenciándose en 1991. Desde Salamanca trasládase con frecuencia a Madrid, para ver museos e exposicións. Comezou a expoñer en 1990, na colectiva A50 obra gráfica@, do museo de Salamanca. Acode a certames como o Ademar Champagnat. As súas últimas mostras, xa configurada a súa personalidade, realízaas en Caixavigo en 1997 e, en Santiago de Compostela, en 1998. O primor do oficio aprendido no taller familiar, no que traballa, convencido de que a pintura, ademais de creación artística, esixe tamén saber ese oficio que nunca se aprende de todo, acusa na súa obra, con referencias no paisaxismo da pasada centuria e no realismo trascendido do presente, desde Carmen Laffond a Antonio López García, acaso a súa máis alta referencia. Malia isto, non quere ser, e non o é, un hiperrealista ó modo de Eduardo Naranjo, ó que admira, pero co que non comporta a súa minuciosidade formal. Desde referencias concretas, inclusive documentais, que Hernández Rollán trascende ó encanto do misterio inasible, busca luces crepusculares, en tonos dourados e grises, nos que os carmíns se atenúan e os brancos se agrisan, para que se impoñan ocres e sobre todo, sienas. Paisaxes ou mariñas de amplo panorama, polos que o espectador parece que pode transitar, ou fachadas de casas nas que o tempo foi imprimindo a pegada da decadencia. Baías, ríos tranquilos, de augas como estancadas, ó fondo destes configúranse arquitecturas imprecisas. Ás veces acode a rincóns murais ós que dota do encanto do sorprendido e fugaz para perennizalo. A historiada arquitectura devocional ó longo do camiño, ou o obxecto doméstico, poden constituír no pintor esa recreación no secundario, que acada categoría permanente, e independízase e ata se maiusculiza, de maneira que unha máquina de coser é na pintura de Hernández Rollán a única, irrepetible, actual e intemporalizada. Cargada dese hálito inquedante de misterio que fixo universal a López García.
Bibliografía
VOLTA, C.: Eloy Hernández Rollán, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1996.