ANNE HEYVAERT
Heyvaert, Anne
( Menphis, Tenesse, EE.UU., 1959 )
Biografía
De nai francesa e pai belga, Anne Heyvaert mudaríase dos seus Estados Unidos natais a Bélxica e posteriormente a Francia cando era unha nena. Entre 1977 e 1982 terá a oportunidade de estudar en París na Escola Nacional Superior de Belas Artes e viaxar a Santiago de Compostela, onde se instalaría para perfeccionar os seus estudos e onde viviu ata finais dos anos 80. Tras pasar seis anos en Luxemburgo, regresará a Galicia para vivir na localidade coruñesa de Oleiros, onde reside na actualidade. Compaxinou o seu labor creativo coa docencia na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Doutorouse en 2010.
Igualmente, participou na organización de diversos obradoiros creativos e de investigación en centros como o Museo de Belas Artes da Coruña, a Fundación CIEC de Betanzos, da que foi codirectora, ou o Centro Galego de Arte Contemporánea. Pertencente ao grupo de investigación Dx5 digital and graphic art research da Universidade de Vigo, coordina o departamento de relacións internacionais, ademais de exercer puntualmente como comisaria nalgunhas mostras.
As súas obras están representadas en coleccións como a da Deputación da Coruña, a do Muzeum Narodowe W Poznaniu (Poznan, Polonia), a do Iwasaki Museum (Kanagawa, Xapón), a de Calcografía Nacional de Madrid ou a do Museo de Arte Río Grande de Porto Alegre (Brasil). Pola súa parte, a súa traxectoria foi recoñecida coa concesión de estancias de investigación en Francia, Canadá, Bélxica, París e Madrid.
A profesión dos seus proxenitores influirá no interese pola creación e pola investigación artísticas desta autora, xa que ambos tiveron unha selecta formación artística. Así relacionáronse con creadores como Yves Klein, Marcial Raysse ou Arman, ademais de que o seu pai traballou como arquitecto e desenvolveu paralelamente unha carreira plástica en Bélxica.
Na colección de Afundación consérvanse as obras Ría de Vigo e Atlas Galissia, pertencentes á serie De Memphis a Fisterra, realizada en 2008 pola autora. Para iso emprega a técnica do gravado, unha das máis traballadas por Heyvaert, que recompilou en varias publicacións. O título da serie fai referencia ao seu percorrido vital, xa que a autora naceu en Memphis e desde hai anos reside en Galicia. Pola súa parte, na obra Calidoscopio, realizada en 2010, traballa con diversas técnicas, incluídos recursos informáticos, para recrear a visión dun mapa a través dun calidoscopio. Arredor deste motivo realizou unha ampla serie prolongada no tempo.
Estilisticamente, as obras responden á linguaxe plástica de Heyvaert, que converte as pregas de mapas, papeis e cartóns en motivos formais que enlazan as súas diferentes series de gravados ou pinturas, así como as imaxes xeométricas que xorden do filtrado por un calidoscopio. Os mapas que representa moitas veces aluden aos seus países ou cidades de residencia e xoga co seu pregado como recurso xeométrico para realizar as súas composicións. Cómpre salientar que, aínda que empregue a técnica do gravado, en moitas ocasións realiza o seu acabado final a man con lapis de cores, como no exemplo que nos ocupa. A produción de Heyvaert revela a súa capacidade técnica co debuxo, así como a minuciosidade coa que traballa cada composición.