ISABEL CRUELLAS
Campillo Cruellas, Isabel
( Sant Adrià de Besòs, Barcelona, 1967 )
Biografía
De vocación tardía, aínda que asegura que pintou case desde sempre, dedícase á arte despois de estar vinculada ao mundo da hostalería. Realiza a súa primeira exposición na Galería Ambit de Barcelona. Desde entón, realizou exposicións individuais e colectivas principalmente en galerías e espazos expositivos de Xirona e Barcelona, como no Colexio de Avogados en Figueras, ou nas galerías Puntoaparte, Ignacio de Lassaletta, Ambit, Fecit, M.A. Bagué, Trece ou Cristina Hartmann, e así mesmo no Centro Cultural da Fundación la Caixa de Tarragona, na Galería Decor-Art de Zaragoza, Galería Paloma Mena de Madrid, ou na Galería Alameda de Vigo. Atópase representada en importantes coleccións españolas como a da Fundació Vila Casas, na que figura obra pictórica, así como escultórica, no xardín de esculturas da Fundación Vila Casas de Pallafrugell (Xirona).
No seu traballo artístico existe unha constante procura da beleza a través da pintura e a escultura de forxa. Inspírase principalmente na natureza e no mundo vexetal −ramas, flores, follas, etc.− para crear unhas composicións que rezuman delicadeza e simplicidade, que parecen remitir ao universo pictórico da autora estadounidense Georgia O'Keeffe e así mesmo á arte oriental no seu despoxamento. Asegura Cruellas: «Gozo buscando a beleza das cousas pequenas, que aparentemente carecen de valor». As súas líricas e simbólicas obras rezuman pureza e convidan á introspección, a través de grandes formatos, pois como ela mesma sostén, «o tamaño dos cadros é unha forma clara de presentar a beleza. Ás veces é necesario ampliar as cousas para atopala, darnos conta de que existe e de que está aí». Así mesmo, a precisión e minuciosidade das súas imaxes xeran unha estraña sensación de irrealidade.
Na obra pictórica Sen título da Colección Afundación, un acrílico sobre lenzo, representa unha serie de finísimos e sinuosas ramaxes de múltiples bifurcacións que desembocan nunhas follas de suxestivas formas sobre un indeterminado e etéreo fondo. Impresionan polo seu detallismo e o seu gran formato nunha gama de tonalidades brancas e agrisadas pálidas que destilan unha gran depuración e austeridade. As luces e sombras resultan fundamentais nesta sutil composición na que a través da natureza, dos seus detalles e as súas sensuais formas, expresa sentimentos, de maneira que transcende a realidade, e consegue trasladarnos a un intimista universo con certo aire misterioso e onírico.