MARIANO YZQUIERDO Y VIVAS
Yzquierdo y Vivas, Mariano
( Puerto Príncipe, Cuba, 1893 - Madrid, 1985 )
Biografía
A pesar de nacer en Cuba, as escolas de Belas Artes de San Jordi e San Fernando, en Barcelona e Madrid, respectivamente, foron os dous centros de formación de Mariano Izquierdo y Vivas. Axiña comezaría a participar en salóns e exposicións nacionais e conseguiría diferentes mencións ao longo da súa traxectoria, entre as que cabe destacar a primeira medalla do Salón de Outono de 1949 ou o Premio do Ministerio de Educación Nacional. Así mesmo, logrou diferentes bolsas que lle permitiron ampliar os seus estudos en Europa.
Ao longo da súa vida compaxinaría a súa faceta creativa coa docencia e chegaría a exercer na Coruña como director da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, cidade na que tamén formaría parte da Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario. A comezos dos anos 40 obtivo a praza de catedrático de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios de Madrid.
Foi un autor polifacético que traballou desde o cartelismo ás artes decorativas, pasando pola pintura. Entre os seus xéneros pictóricos máis traballados están o histórico e o costumista. Exemplo deste último son as obras As humildes palilleiras de Camariñas e Galega con galo. Nesta última retrata nun primeiro plano unha muller nova sentada que leva nos seus brazos un galo. A figura, vestida cunha blusa laranxa, mira directamente o espectador e destaca nunha estancia en penumbra, en cuxo fondo se abre unha porta, mediante a que logra sensación de profundidade, á que se dirixe outra muller que leva un atado sobre a cabeza.
Na primeira obra recrea unha escena interior cotiá dunha xornada de traballo dun grupo de mulleres que realizan encaixe de palillos na localidade mariñeira coruñesa, coñecida por este oficio artesanal. A estancia humilde, con parede pétrea e teitume de madeira, ábrese no fondo da composición ao exterior de xeito que logra afondar na perspectiva e achégalle un foco de luz á escena.
As sete mulleres son captadas en plena acción, ningunha delas observa o espectador. Sitúa nun primeiro plano a un par delas que revisan o avance dunha tira de puntilla de encaixe, mentres que unha terceira comeza o traballo, como é habitual, nun cartón picado con alfinetes. Nun segundo plano sitúase un grupo doutras catro palilleiras, que igual ca as primeiras realizan o seu labor sentadas no chan descalzas e coas almofadas onde realizan o labor apoiadas sobre uns bancos baixos. Todas visten indumentaria humilde na que destacan os coloridos panos, como adoitaba ser habitual nos retratos e nas escenas idealizados protagonizados polas mulleres rurais galegas na pintura desde finais do século XIX e durante boa parte do século XX, por parte de pintores máis academicistas, como nestes exemplos, ou como na produción de Fernando Álvarez de Sotomayor, a quen recorda o estilo da obras analizadas.
Esta obra pertencente á colección de Afundación está realizada en pleno período de madureza do artista, xa que só un ano despois, como se mencionou, obtería os máximos galardóns da súa carreira creativa. Nela obsérvase o dominio do debuxo e da cor, que tiña Izquierdo Vivas, así como a capacidade de traballo coa luz, do que destacaba a súa pericia co claroscuro.
Bibliografía
Liaño, María Dolores: Pintores gallegos na Diputación. A Coruña.
Pantorba, Bernardino de: Historia e crítica das Exposicións Nacionais de Belas Artes. Madrid, 1980.
Boletín da Real Academia de Belas Artes. A Coruña, 1949.
Cen anos de pintura en España e Portugal (1830-1930).
Ráfols, J.F.: Diccionario de artistas. Barcelona.