JOSÉ DE GUIMARÃES
Fernades Marques, José Maria
( Guimarães 1939 )
Biografía
A súa infancia e parte da súa adolescencia transcorren en Guimarães −cidade á que debe o seu nome artístico−, no seu tempo libre visita os museos locais e desenvolve unha afección pola arqueoloxía. Trasládase a Lisboa en 1957 para ingresar en Enxeñería na Universidade Técnica de Lisboa −se gradúa en 1965−, e un ano máis tarde, inscríbese na Sociedade Cooperativa de Gravadores Portugueses −«Gravura»−, e asiste a clases de pintura e debuxo con Teresa de Sousa −a quen coñece no taller de «Gravura»− e Gil Teixeira Lopes; xorde a súa vocación artística e o seu interese pola xeoloxía. Percorre Europa entre 1961 e 1966, fascínalle París −as súas estancias serán frecuentes desde ese momento−. En 1967 instálase durante sete anos por mor do servizo militar na antiga colonia portuguesa de Angola −publica o manifesto Arte Peturbadora−, e anos máis tarde, viaxará tamén a México, Brasil e Asia (China e Xapón). Ao longo da súa exitosa e prolífica traxectoria participou en numerosas exposicións tanto individuais como colectivas en Europa, África, América e Asia; a súa obra atópase representada en renombradas coleccións dos devanditos continentes e realizou destacadas intervencións en espazos e edificios públicos. Recibiu unha bolsa de investigación da Fundación Calouste Gulbenkian, e así mesmo foi galardoado con numerosos premios, entre outros, a medalla de bronce do Premio Europeo de Pintura (Ostende, Bélxica, 1978 e 1980), Premio de Escultura Doutor Gustavo Cordeiro Ramos da Academia Nacional de Belas Artes de Portugal, Medalla ao Mérito Artístico da Cidade de Guimarães, Premio da Sociedade Portuguesa de Autores pola súa carreira artística, a Gran Cruz da Orde ao Mérito, e foi condecorado polo presidente da República Portuguesa co grao de Comandante da Orde do Infante D. Henrique.
Considerado un dos autores máis relevantes da arte contemporánea portuguesa, é tamén un gran coleccionista de arte tribal africano. Entre os seus referentes atópanse os fauvistas e artistas como Klee, Kandinsky, Picasso ou Miró. Explorou a pintura, o mural, a colaxe, o gravado, a escultura ou a instalación nun traballo caracterizado pola mestizaxe. Cultiva unha expresiva poética que lembra ao art brut chea de signos e símbolos na que combina a modernidade coa tradición e as culturas antigas −as súas denominadas «culturas remotas»: África, México, Asia e Brasil− nunhas dinámicas composicións de estética pop con cores exultantes, agresivass, como as formas e figuras, tanto reais −persoas, animais, coches, etc.− como imaxinarias, que somete a unha estilización, fragmentación e xustaposición. Na súa produción, que acostuma organizar en series, atópanse proxectos dedicados ao mestre flamenco Rubens ou á literatura Camões, e o seu espírito experimental lévalle a empregar en certas obras luz de neones e leds.
Na Colección Afundación figura unha litografía pertencente á serie Hong Kong datada en 2002. O gravado resulta fundamental na súa traxectoria, pois como el mesmo afirma: «En certo xeito, o gravado foi o comezo, é dicir, o territorio onde tecnicamente tiven que aprender e incluír todo, tanto técnica como composición. Entón, pódese dicir que cronoloxicamente o gravado precedeu á pintura. Dentro desta disciplina, obtén temperáns galardóns como o segundo premio en Estoril (Portugal, 1965), primeiro premio na Universidade de Luanda (Angola, 1967), e tamén algúns máis tardíos. Na abigarrada obra que nos ocupa, dominada polas superposicións, aparecen unha serie de letras xaponesas, así como diversas formas que remiten ao corpo humano e animal, coas súas características manchas, trazos e drippings cheos de enerxía, violencia, e exuberante cromatismo.
Bibliografía
VOLTA ao Mundo. Obra Gráfica de José de Guimarães, Imprensa Nacional Casa da Moeda, Lisboa, 2019.
VV. AA.: José de Guimarães: Arte perturbadora – Disturbing Art, Ediçoes Afrontamento, Porto, 2000.