JOSÉ GONZÁLEZ COLLADO
González Collado, José María
( Ferrol, 1926 - 2018 )
Biografía
Irmán do tamén pintor Antonio González Collado, con doce anos ingresa na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal. Desde os trece anos traballa en diferentes oficios que compaxina coas clases nocturnas na Escola de Aprendices de Bazán, e logra entrar no Departamento de Delineación e Electricidade da soada empresa naval. Coñece ao pintor mugardés Felipe Bello Piñeiro en 1942, con quen se formará e quen lle transmitirá o seu interese polo paisaxismo galego. Realiza a súa primeira mostra individual en 1944 no Casino de Ferrol con dezaoito anos; ese mesmo ano gaña o primeiro premio na V Exposición de Arte do S.E.U. e logra unha bolsa de axuda xuvenil que lle permite continuar a súa formación en Madrid. Na capital española visita asiduamente o Museo do Prado, e despois duns meses regresa a Ferrol para realizar o servizo militar. Tras a súa etapa de instrución, é destinado a Madrid e ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde ademais de estudar forma e cor, técnica e estilo. Coñece ao pintor Francisco Lloréns, e ao ferrolán Álvarez de Sotomayor, quen será os seus mestres, e o último tamén mecenas. Contrae matrimonio coa ceramista Josefina Pena, e viaxa polo norte de África, Marrocos e Alxeria, onde explora novas temáticas e outro cromatismo, e tamén visita Tunes, onde reside o seu exiliado pai. En 1957 viaxa á capital gala, onde toma contacto coa arte máis innovadora; frecuenta os seus museos e coñece a numerosos pintores. Dous anos máis tarde, establécese en Madrid ata 1997, ano en que retorna ao seu Ferrol natal, onde continúa a súa actividade artística e docente; concédeselle a insignia de ouro da cidade, e pónselle o seu nome a unha praza fronte ao seu estudo. A partir do 2009 participa regularmente en mostras en Portugal, e no 2012 o Diario de Ferrol concédelle o premio a unha traxectoria e constitúese a Fundación José González Collado en Ferrol.
No seu prolífico traballo artístico explora o debuxo, o gravado, a acuarela −está considerado un dos grandes acuarelistas españois− e o óleo principalmente; afirma: «A pintura foi a miña vida e fíxome un home feliz». Entre os seus referentes atópanse Velázquez, Goya, Zurbarán, e tamén na súa produción resoan ecos do cubismo. Cultiva diversas temáticas, entre as que destaca a paisaxe, así como a figura humana, especialmente a feminina, nunha obra doce de acento lírico que foxe do efectismo e na que todo se mostra idealizado, de tal maneira que logra evocar un universo de fantasía. Na súa última etapa, focaliza a súa atención na pintura relixiosa e en estampas que evocan a súa infancia. Cabe destacar a súa faceta como muralista, principalmente na cidade de Ferrol, e os seus traballos como ilustrador de soados autores ferroláns como Esperanza Piñeiro ou Andrés Gómez Blanco.
Na Colección Afundación figuran tres obras pictóricas do autor. A máis temperá, A tetera (1991), é un bodegón no que emprega unha restrinxida gama de cores moi delicadamente elevado, así como as súas características veladuras e transparencias, cunha linguaxe que se aproxima ao cubismo, do mesmo xeito que na costumista escena Comida de aldea (2000), que dá conta da súa galeguidade e do seu dominio cromático cun gran protagonismo da figura humana. Na paisaxe realizada con acuarela exprésase a través dunha linguaxe moito máis próxima ao realismo para representar unha vista chea de beleza na que se aprecian diversas tipoloxías arquitectónicas e unha abundante vexetación.
Bibliografía
FUNDACIÓN José González Collado, Diario de Ferrol, Ferrol, 2012.
J. GONZÁLEZ Collado, obra recente, Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Cultura, A Coruña, 1996.
VV. AA.: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña I. Pintura y escultura, Tomo 1, Deputación da Coruña, A Coruña, 1991.
VV. AA.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.