MENCHU LAMAS
Lamas Pérez, Carmen
( Vigo, 7 de julio de 1954 )
Biografía
Emigra a Venezuela moi pequena cos seus pais e regresa con oito anos a Galicia. Estuda Deseño Gráfico na Institución Artística de Ensinanza de Madrid. Comeza a súa traxectoria artística vinculada ao Colectivo da Imaxe, xunto a Carlos Berride, Antón Patiño —quen será o seu compañeiro de vida— e Jorge Agra. Debuta nunha colectiva na praza da Princesa de Vigo en 1974. Tras a disolución do grupo, Patiño e Lamas introdúcense no grupo poético Rompente e en 1980 funda o grupo Atlántica con Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e o crítico e coleccionista Román Pereiro. Con este grupo mergúllase durante tres anos nunha frenética actividade expositiva, e no ano 1982 expón por primeira vez de forma individual na Galería Buades de Madrid. Realizou múltiples exposicións individuais en España, Europa e América; destaca a súa presenza en mostras significativas dos anos oitenta como «26 pintores, 13 críticos» ou no «II Salón de los 16», ambas celebradas en Madrid, así como na mostra neoiorquina «Five Spanish Artists» ou a XVIII Bienal de São Paulo. A súa obra forma parte de importantes coleccións como a do Museo de Arte Contemporánea de Madrid, Museo Patio Herreriano de Valladolid, MNCARS, MACBA ou a de "la Caixa". No ano 2010 recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas e en 2018 ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes.
Menchu Lamas pertence a unha xeración de artistas galegos que, tras a ditadura e instaurado o estado das autonomías, elabora un singular discurso plástico con referencias primitivistas á arte rupestre, ao románico popular ou ás lendas campesiñas. Deste xeito, Lamas establecerá un diálogo entre esa tradición de raíz autóctona e a modernidade, así como entre o abstracto e o figurativo, cun cromatismo vivo e luminoso. As súas primeiras pinturas son composicións abstractas a partir de elementos cotiáns que lle permiten estruturar diferentes franxas a xeito de territorios cromáticos en expansión. Posteriormente camiña cara á figuración sen brusquidade, a través dunha enigmática iconografía composta por animais —peixes, galos, serpes…— ou humanos, mans, círculos, lúas... Paulatinamente irá sometendo a súa obra a unha sintetización que dota a superficie pictórica dunha orde construtiva sobre a que asentan elementos figurativos reducidos á mínima expresión —siluetas, perfís, contornos— e emprega o recurso conceptual da sombra.
Tres obras pictóricas da artista integran a Colección Afundación. Todas elas posúen o característico formato de grandes dimensións que lle permite afrontar a obra cun «cuerpo a cuerpo» e ao espectador mergullarse no interior das pezas. A máis temperá, Abstracto (1985), representa unha fantástica criatura híbrida de rostro triangular e contrastado colorido que sostén un cesto cheo de corpúsculos redondos, como sementes, que parecen caer sobre un campo arado composto a través dunha serie de franxas horizontais de diferentes tonalidades ocres e marróns. A iconografía primitiva, o potente cromatismo e o xogo de texturas da pintura potencian o simbolismo da peza. Nas dúas obras restantes, datadas en 1994, cada retícula compón o fondo dos cadros e sobre estas Lamas dispón os elementos figurativos: un piano e un cabaliño de mar. Apréciase o predominio da orde construtiva e a economía formal característica desta etapa posterior, na que destacan os xogos de ritmos, de superposición de planos e de silueta-sombra. Ambas son pezas dun marcado lirismo que evidencian esa compoñente «atlántica» da súa pintura.
Bibliografía
II Bienal de Artistas galegas, Concello de Vigo, Vigo, 1990.
ANDA, ven, vuela, MUSAC, León, 2022.
ESPIRAL de soño. Menchu Lamas, Deputación de Ourense, Ourense, 2003.
MENCHU Lamas. Itinerarios concéntricos, Ayuntamiento de La Coruña, A Coruña, 1997.
MENCHU Lamas. O enigma das sombras, Deputación, Servicio de Publicacións, Pontevedra, 1997.
MENCHU Lamas. O tempo é un círculo, Concello de Vigo, Concellería Delegada da Área de Cultura e Animación Sociocultural, Vigo, 2011.
MUJERES en el Arte español, Centro Conde Duque, Madrid, 1984.
O ROSTRO do tempo, Concello de Vigo, Vigo, 1991.
BAIONA horizonte Atlántico, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Benestar Social, Santiago de Compostela, 1987.
BAIONA horizonte Atlántico, Román Pereiro Alonso, Baiona, Pontevedra, 1992.