FRANCISCO LEIRO
Leiro Lois, Francisco
( Cambados, Pontevedra, 1957 )
Biografía
Luminaria única, absoluta no panorama da escultura contemporánea, e con ámbito mundial,é este cambadés da terra de Asorey. De familia de artesáns, iníciase no oficio da man de seu pai, que era canteiro. Coñece a madeira, o ferro e o granito do país. Non sabe de academias, rigores debuxísticos e divinas proporcións; para qué o seu é arrancable a unha trabe que botaron tralo derrube dunha vella casa labrega. Pinta, con expresión infantil, ideacións imposibles e manchas suxerentes. Xoga coa cor e a forma. Inspírase na arte popular do seu medio, no pequeno mundo suxerente do Cambados das súas brincadeiras infantís, onde ten escola permanente no Pazo de Fefiñáns, tanto no primor das súas aventuras de neno coma na ousadía arquitectónica do seu balcón en beiril. Expón por primeira vez na súa vila natal en 1975. A obra do rapaz sorprende, irrita, interesa, entusiasma e apaixona. Ó ano seguinte está en Madrid, nunha colectiva de galegos na vella e tradicional sala Toisón da rúa Areal; aparece tamén en Atlántica; percorre España; acode ás bienais de Pontevedra nas que non foi premiado. As mostras de Arco en Madrid contan con el desde 1986. A súa obra percorre Europa e América, chegando ata Australia. Sorprende en Estados Unidos, concretamente en Chicago, Ohio e Nova York. A galería Malborough, templo mundial da arte contemporánea, interésase polo galego, xenial e «fíchao» cando o artista aínda non fixera os 30 anos, caso único no mundo e que en Galicia só ten outro paralego, a do tamén pontevedrés Jorge Castillo, se ben este chega a esta distincióin cando conta medio século de exitencia. Leiro é un fenómeno internacional. A súa obra aparece en lugares públicos coma a Estación de Renfe, en Vigo, no Instituto de Ensinanza Media de Carril, Pontevedra, no Concello de Vigo. A cidade atlántica encárgalle unha obra e o artista responde co seu ser ictiolóxico alucinante, sorprendente e tristeiro que xa se coñece por «O Sireno», de aceiro inoxidable encol de dúas columnas altísimas de granito pulido, verdes e negras. Otea o mar e ausculta a cidade na súa vella Porta do Sol; entusiasma e irrita; detractores, case todos, defensores, o sempre sensible Ángel Ilarri e mailo autor destas liñas. Leiro chega á antoloxía máxima de figuras, como remate dun moi longo camiño, que se inicia na prehistoria, en «Galicia no tempo», a magna exposición de Compostela. A súa obra atópase en museos de arte moderna de todo o mundo. As grandes coleccións e institucións públicas dispútanse as súas obras. O propio artista adoita chamar algunhas das súas pezas «cousas», porque en certo modo son indefinibles. Tódalas materias son válidas para as súas formas, aínda que é sen dúbida a madeira, os vellos e anellos troncos de carballos e castiñeiros de Galicia cos que mellor se expresa. Para Leiro vale a expresión atribuída a Miguel Ángel de que escultura é quitarlle ó bloque o que lle sobra. A machadazos, a coiteladas, a dentadas, case, traballa a materia para dárno-la súa peculiar visión tráxica ou irónica da vida. Mutilacións, rostros de afogado berro desgarrado, humanidades ciclópeas, ideacións e conceptos humanizados; ou o chisme, a cousa, de ascendencia surrealista. Non se parece a ninguén Leiro, único, fascinante. Moitos se van imitar a Leiro, moi axiña, agora que o escándalo da súa escultura empeza a tomar carta de natureza e calan os conservadores sen imaxinación.
Bibliografía
CAMERON, D.: Leiro, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, Pontevedra, 1991.
CÓDICE Calixtino. O Codex Calixtinus en galego, Consellería de Cultura e Turismo, Santiago de Compostela, 2009.
LEIRO, Centro Galego de Arte Contemporánea, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo / IVAM, Centre del Carme, Conselleria de Cultura, Educació i Ciència, Valencia / Santiago de Compostela, 2000.
LEIRO, escultura. Arte Español para el exterior, Dirección General de Relaciones Culturales y Científicas / Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior, SEACEX, Madrid, 2003.
LEIRO (1975 - 2000), ceci n'est pas un vrai surréalisme, Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela, 2004.
LEIRO, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 2004.
O ROSTRO do tempo, Concello de Vigo, Vigo, Vigo, 1991.
OS TRABALLOS e os días. Francisco Leiro, Afundación. Obra Social ABANCA, Santiago de Compostela, 2016.
PABLOS, F.: Mitos y Leyendas de Galicia. Vigo, 1994.
ROMA Compostela, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
Catálogo da exposición do Stedelij Museum Amsterdam, 1986, con obra reproducida.