LLUÍS CERA
Cera Bernad, Lluís
( Barcelona, 1967 )
Biografía
Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de Escultura (1988-1993), inicia a súa actividade expositiva de maneira colectiva en 1992, en dúas mostras na súa Barcelona natal, e en 1995 realiza a súa primeira mostra individual «Homes atrapats en la seva pròpia existencia» na Sala Gaspar da capital catalá; desde entón, participou en exposicións tanto individuais como colectivas en importantes espazos artísticos de Europa, Estados Unidos, Asia ou Oceanía, así como en numerosas e destacadas feiras de arte contemporánea como ARCO e ARTEXPO (España), KIAF (Corea), Art Karlsruhe e Art Cologne (Alemaña), Art Strasbourg (Francia), Art Innsbruck (Austria), Art Zúric (Suíza), Lineart (Bélxica), Art Vilnius (Lituania), Art Santa Fe, Art Market San Francisco e Art Chicago (Estados Unidos) ou Arte Lisboa (Portugal), entre outras. Así mesmo, obtivo galardóns como o segundo premio «Escultura de Sal – Ciutat de Cardona» ou o primeiro premio de Escultura no XXVIII Premio Bancaja de Pintura e Escultura, e foi seleccionado no Premio Miquel Casablancas de Barcelona e no certame Itinerario Escultórico por Álava. A súa obra atópase representada en coleccións como a da Fundació Vila Casas e a Fundació Fran Daurel ─ambas de Barcelona─, Parlament de Cantalunya, Museum Villa Hais (Zell am Harmersbach, Alemaña), así como noutras coleccións de prestixio a nivel internacional.
No seu persoal e recoñecible traballo escultórico de acento lírico e poético, explora, desde os seus comezos, a combinación da literatura, e tamén a música, coa tridimensionalidade; son habituais os seus textos ─en diferentes idiomas─ ou partituras aplicados ou tallados sobre a pedra ou outros materiais. Os seus inicios na escultura están vinculados á figuración, e evoluciona cara a unha abstracción dominada pola sinuosidade nunhas pezas nas que reflicte unha precisión e un gran virtuosismo técnico no dominio de materiais como o mármore, granito, ferro, bronce, madeira ou a resina sintética, entre outros, e tamén unha enorme sensibilidade, de maneira que desafía os límites das materias empregadas e logra conferir ás súas belas creacións sensualidade e voluptuosidade, así como unha aparencia suave e maleable; apréciase nas súas esculturas unha loita entre tensión e distensión, solidez e delicadeza, robustez e flexibilidade.
Na obra Madeja (2005) que integra a Colección Afundación, o artista barcelonés crea unha suxestiva escultura que evoca ese «fío recolleito en voltas iguais e grandes» ─significado do propio título da peza─, e para iso sérvese de diferentes materiais como son a pedra Sénia, a madeira Niangón e o ferro, materias que contrastan de maneira harmónica, tamén no plano cromático, e que supoñen un reto a nivel técnico ao enlazalos cunha aparente naturalidade, coma se fosen materiais moldeables. A literatura, tan importante na produción do creador, está presente na obra, en concreto na pedra e na madeira, nas que aparecen textos en catalán que seguen a sinuosidade propia das formas, de maneira que confire á composición ese carácter poético tan característico do seu traballo.