LODEIRO
Lodeiro Fernández, Xosé Telmo
( Vigo, 21 de octubre de 1930 - 30 de septiembre de 1996 )
Biografía
Xosé Telmo Lodeiro viviu unha nenez e unha xuventude marcadas por dificultades económicas, que o obrigarían a emigrar a diversas zonas de España e ao estranxeiro, moi concienciado das dificultades polas que pasaban as clases sociais desfavorecidas na posguerra, circunstancias que marcarían boa parte da súa produción plástica.
Nos anos 50 trasladarase a París para traballar na fábrica de Citröen, o que lle permitirá frecuentar os ambientes bohemios dos barrios de Montparnasse, Montmatre e Latino, onde coincidirá con artistas de múltiples tendencias, ao mesmo tempo que traballa na súa propia obra pictórica. A comezos da seguinte década mudarase a Suíza, onde ten a oportunidade de coñecer a pintura xeométrica de Max Bill.
Será 1963 o ano no que decide regresar ao seu Vigo natal para dedicarse profesionalmente á pintura, que neste período está protagonizada por paisaxes de superficies planas nas que emprega cores saturadas. Conforme avance a década internarase na representación da figura humana, como se observa na obra conservada nesta colección, As desafiuzadas do Berbés, datada en 1968. O seu vínculo con movementos obreiros e nacionalistas, así como as súas vivencias influíron na temática da súa produción, na que nesta ocasión retrata en primeiro plano, a tres mulleres con nenos, recreados mediante volumes rotundos e hieráticos, que reflicten coas súas expresións e xestos o temor á situación á que se enfrontan descrita no título. Este artista consideraba que a representación da figura humana e, en particular, o rostro axudaban a transmitir a través da pintura os problemas sociais.
A data de realización desta pintura coincide coa súa participación nas mostras que se realizaban no aire libre na praza da Princesa da cidade olívica, que se afastaban do ámbito artístico oficial. Tamén foi o ano no que expuxo en Estampa Popular Galega, iniciativa do seu colega Reimundo Patiño, pola que será encarcerado por “injurias a la nación”. Este período tamén será frutífero en canto a viaxes, xa que Lodeiro viaxará por diversos países europeos e americanos e absorberá diversas influencias plásticas.
Durante a década dos anos 70 o seu estilo evolucionará cara ao expresionismo, onde aborda as figuras, elaboradas cun debuxo moi preciso, que se adhiren á corrente construtivista europea. Así, comezará a traballar con campos de cor tendendo a unha abstracción que recorda o suprematismo de Malevich.
En 1974 viaxará a Bos Aires para participar nunha exposición e coñecerá a Luis Seoane, referente da intelectualidade galega no exilio. Ao seu regreso, Lodeiro decide centrarse na paisaxe como motivo principal da súa pintura, que lle servirá para desenvolver o seu propio vocabulario plástico no que a cor e o tratamento simbólico da luz lle permitirán que as súas composicións oscilen entre a figuración e a abstracción. Considerará que a pintura en esencia é un feito visual, que non necesita interpretación.
A estas características corresponden o resto das obras presentes nesta colección, datadas entre finais dos anos 70 e 90, onde a combinación de elementos xeométricos baseados no contraste de cores configuran a composición en títulos como Xeometría carmín-violeta, Amarelo-azul, Futuro nº 5 ou Sen título. Pola súa parte, Atlántico, Cidade do futuro, Paisaxe e Posta de sol pertencen ao xénero da paisaxe. A depuración sintética e a captación da luz, que parece emanar da mesma superficie, utilízaas para incidir na reiteración e na intensidade de xeito que logra un estilo propio e inclasificable.
Bibliografía
BAIONA horizonte Atlántico, Román Pereiro Alonso, Baiona, Pontevedra, 1992.
MON, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, Francisco: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.