EVA LOOTZ
Lootz, Eva
( Viena, Austria, 1940 )
Biografía
Formada en dirección de cine e televisión, Eva Lootz completou os seus estudios en Belas Artes, Filosofía e Musicoloxía na súa Viena natal. A mediados dos anos 60 decide trasladarse a España, onde continúa vivindo e traballando, para comezar a súa participación en exposicións, coa súa primeira individual na madrileña galería Ovidio en 1973. Compaxinou a súa faceta como creadora coa docencia, ademais de impartir conferencias en distintos países.
A obra de Lootz está presente en coleccións tan relevantes coma o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía (Madrid), Museo de Arte Abstracta de Cuenca, Museo Patio Herreriano (Valladolid), Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela) o Museo de Arte Contemporánea de Malmö (Suecia). A súa traxectoria foi recoñecida co Premio Nacional de Artes Plásticas, co Premio MAV de Mulleres nas Artes Visuais ou co Premio Tomás Francisco Prieto da Real Casa da Moeda.
Así mesmo, expuxo a súa produción a nivel español e internacional, en centros como a Fundación Joan Miró (Barcelona), Museo Barjola (Gijón), Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), Salone Villa Romana (Florencia), Museo Pablo Gargallo (Zaragoza) ou Museo de Arte Moderna de Bogotá.
Ao longo da súa traxectoria, Lootz traballou e compaxinou diversas disciplinas como a pintura, a instalación, a fotografía, o vídeo ou a escultura, así como a intervención no medio natural. E é que é precisamente a natureza e o emprego de materiais provenientes dela unha característica das súas instalacións. Materias como ceras, madeiras, mercurio, carbón ou tecidos naturais, coa calidade do efémero en común, permítenlle desenvolver unha linguaxe propia que a mantén allea a correntes de moda para investigar verbo da irrupción humana no medio, como isto lles afecta ás persoas máis desfavorecidas. Creou a súa propia linguaxe de expresión plástica independente, afastada de correntes de moda que, non obstante, calou entre artistas máis novos. A autora austríaca considera que vivimos nunha sociedade en cambio continuo polo que a elección dos materiais naturais, delicados e vulnerables, cos que habitualmente traballa, reflicten mellor, na súa opinión, o mundo actual.
Os seus proxectos en espazos públicos ou privados adoitan presentar características innovadoras e sempre teñen unha forte base conceptual reflectida nos reflexivos escritos teóricos que acompañan cada obra. Lootz é unha creadora cunha gran bagaxe cultural e intelectual polo que a investigación forma parte intrínseca do seu proceso creativo, onde arte, materia e linguaxe están fortemente imbricadas.
Ademais das instalacións e intervencións na natureza, destacan na produción de Eva Lootz o debuxo, do que afirma que ten un carácter terapéutico, e o gravado. A esta última disciplina pertence a augaforte conservada na colección de Afundación. Nela sobre un fondo neutro de ton beixe dispón, coma se estivesen flotantes no espazo, uns paxaros en tons amarelo con cabezas antropomorfas de perfil e unhas follas en gris, acompañados das palabras “nombrar” e “mostrar”, repetidas por toda a composición. Nesta obra obsérvase a importancia que esta creadora lles outorga á natureza e á linguaxe e como ambas inflúen e están presentes de forma inseparable nas súas creacións.