LUIS GABÚ
López Gabú, Luis
( A Coruña, 1963 )
Biografía
Fotógrafo e pintor autodidacta, nace na Coruña pero unha parte da súa traxectoria vital transcorre viaxando en solitario por lugares que acostuman a estar fóra do mapa mental do mundo occidental como África subsahariana (Guinea Bissau —de aquí toma o seu nome artístico: Gabú—, Guinea, Mauritania, Senegal e Mali), Etiopía, Somalia, O Magreb, Amazona brasileira, Colombia, Cuba, Santo Domingo, Haití e Indochina (Birmania, Tailandia, Laos e Vietnam). Comeza o seu traballo artístico na década dos noventa e desde entón realizou exposicións colectivas e individuais no Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid (2006 e 2008), no Consulado de España en Hannover (Alemaña, 2007), así como na Habana, Tokyo, Montevideo, Bos Aires, e diversas cidades da xeografía galega e española. É colaborador artístico do Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid. Entre os galardóns obtidos ao longo da súa traxectoria cabe destacar o premio por unanimidade do xurado Isaac Díaz Pardo (2007) e o segundo premio da Academia de Belas Artes da Coruña (2008). A súa obra atópase representada en coleccións como a do Museo Nacional de Antropoloxía de Madrid, Endesa, Deputación da Coruña ou a do Ministerio de Traballo.
Gabú destaca especialmente no xénero fotográfico polos seus arriscados traballos de corte etnográfico de sociedades de Asia, África ou América Latina; intégrase nelas e explora os seus costumes, ritos e cerimonias. Arte e testemuño fúndense na súa obra de tal modo que logra captar imaxes cun valor estético e emocional. Emprega unha linguaxe de luces e sombras cun forte contraste e cun cromatismo imperante composto xeralmente de branco e negro —malia que, en ocasións, tamén utiliza a cor— que revela un mundo estruturado sobre un eixe de polos opostos: o ben e o mal, a vida e a morte, a verdade e a mentira.
Na Colección Afundación achamos tres obras fotográficas do autor coruñés. Unha é un retrato da recoñecida poetisa e xornalista galega Eva Veiga (2005), que aparece encadrada sen apenas luz sobre un fondo neutro —características recorrentes das súas fotografías— cunha gama cromática en branco e negro e cuns toques sutís de cor no pano que porta na súa cabeza. As outras dúas obras pertencen á serie Madrasas de África, que nace cando remata a guerra civil de 1998-99 en Guinea Bissau, e proxecta a visión persoal do autor —definida pola “luz e sombra”— do complexo mundo das escolas coránicas (madrasas) africanas máis afastadas e esquecidas, así como as máis rudimentarias nos seus métodos de aprendizaxe. As luces e sombras da intensa luz diúrna africana definen ambas as instantáneas en branco e negro. Escaleira no deserto (Mali) (2005) mostra a importancia da ollada nas súas obras, coa imaxe dun neno que volve a ollada cara ao espectador e que se sitúa aos pés dunha escaleira de pedra con chanzos que ascenden ata perderse no bordo superior, e que podería interpretarse como unha metáfora do seu reto a enfrontarse a unha vida sementada de dificultades. A man e a palabra (Senegal) (2006) reflicte a relevancia das táboas coránicas que funcionan como documento e icona simbólica. Posuidoras dunha gran beleza e emotividade, desde un punto de vista estético mostran certos paralelismos coa arte contemporánea; en concreto, o autor afirma que lle lembran en gran medida a obra de Tàpies e a arte informalista.