ARMANDO GUERRA
López Guerra, Armando
( Santiago de Compostela, 1948 - Vigo, 23 de enero de 2018 )
Biografía
Armando Guerra comezaría a súa traxectoria creativa a finais dos anos 60, época que coincide tamén coa celebración da súa primeira exposición. Será en 1968 cando se traslade a Valencia para cursar Belas Artes na Escola Superior de Belas Artes de San Carlos e a Barcelona para especializarse en calcografía e pintura na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi. Será en Cataluña onde a comezos dos anos 70 se interesa polas correntes informalistas, estilo que empeza a introducirse nas súas obras. Nesta época levará a cabo distintas colectivas en Vigo, na Coruña ou en Barcelona.
Esta vinculación coas correntes máis vangardistas e coas mostras que tiñan lugar na praza da Princesa en Vigo levarano a integrarse no grupo Atlántica, renovador da arte galega contemporánea, cuxos membros apostaron por incorporar as correntes plásticas internacionais á produción plástica que se estaba facendo no cambio de década dos anos 70 aos 80 en Galicia.
Desde ese período, Guerra participaría ao longo da súa traxectoria en numerosas exposicións a nivel nacional. Así mesmo, compaxinou a súa carreira como pintor coa de docente no Instituto de Ensinanza Secundaria Santa Irene de Vigo, onde dedicou unha aula de debuxo como homenaxe. Asemade impartirá obradoiros de gravado en diversas cidades españolas. Son varias as institucións que posúen obra deste artista, entre elas o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León ou o Museo do Gravado de Bos Aires.
O gravado foi a técnica preferida por Guerra e a través dela investigaba posibilidades plásticas que, en moitas ocasións, reflectía posteriormente en pintura, como o estudo do movemento e da composición, produto dun profundo proceso de reflexión. Empregará as liñas, tanto en gravado coma en pintura, como limitadoras de espazo e xeradoras de tensións na superficie plástica.
A pintura de Guerra foi evolucionando cara a unha maior simplificación e cara a unha pureza de liñas, reflexionando sobre o xesto da pincelada, como se observa na obra Abstracción, na que as gamas de brancos, grises, avermellados e pasteis lle achegan luminosidade ao resultado final. A este autor gustáballe traballar con este tipo de colorido, xa que a procura de luz e a expresividade dos trazos cos que aplicaba as manchas significaban moito na investigación da súa produción.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
PABLOS, F. e LLARRI JUNQUERA, M. L.: Catálogo da colección da arte galega do Museo “Quiñones de León”, Concello de Vigo, Concellería de Cultura, 1995, Vigo.
VOCES de Atlántica, MARCO, Editorial Galaxia, 2005, Vigo.