SIRO
López Lorenzo, Siro
( Ferrol, 19 de enero de 1943 )
Biografía
Personaxe inquieto e poliédrico cunha gran afección polo debuxo desde moi pequeno, realiza, desde o ano 1970 ata o 2006, debuxos de humor e caricaturas políticas en diversas publicacións galegas. Os seus primeiros debuxos humorísticos aparecen publicados na revista Chan en 1970; ano en que tamén realiza a súa primeira mostra de debuxos na súa cidade natal. Posteriormente, publica o seu traballo en Ferrol Diario, El Ideal Gallego, La Región, El Norte de Galicia, La Voz de Galicia ─realiza viñetas diarias entre 1984 e 2000─, e colabora durante anos en revistas como Teima, Encrucillada ou Grial. O propio autor afirma: «O xornalismo foi o meu medio de vida, pero sempre practiquei outro tipo de debuxo e máis tarde tamén a pintura». Publicou dezaseis álbums de diversas temáticas, narrativa ilustrada, contos infantís ou ensaios de figuras galegas como Castelao, Rafael Dieste ou Luís Seoane. Así mesmo, ilustrou libros de autores como Xabier Alcalá, Manolo Rivas ou Carlos Durán, entre moitos outros. Exerceu como guionista e realizador en televisión e radio ─tamén como locutor─, cun firme compromiso na difusión da cultura e o idioma galego. A súa creatividade non coñece límites, pois tamén traballou no mundo teatral, deseñado a praza do Humor da Coruña e realizado un gran mural no porto de Ribadeo. Entre os numerosos galardóns obtidos, cabe destacar o Premio Vieira de Humor Gráfico (1982), o Premio Fernández Latorre de La Voz de Galicia (1986), o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro (2003), a Medalla de Galicia da Xunta de Galicia (1997) ou o Premio Alvite da Asociación de Xornalistas de Galicia (2020). En canto á súa actividade expositiva, expuxo nas principais cidades galegas, Madrid, Bilbao e Barcelona, e en Portugal, en Vila Real e Lisboa. A súa obra está representada, entre outros espazos, no Museo Carlos Maside de Sada, Museo do Humor de Fene, Fundación Araguaney, Universidade de Santiago, Parlamento Gallego, Ministerio de Sanidade, Biblioteca Nacional, Casa de Galicia ou no Congreso dos Deputados de Madrid, así como en coleccións particulares.
Asegura non ser autodidacta, aínda que a súa aprendizaxe artística está baseada no estudo de mestres como Pascin, Rembrandt, Goya, Matisse, Picasso ─por quen sente auténtica devoción─ e de artistas galegos como Carlos Maside, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo. Iníciase no debuxo con tinta, plumilla e pincel, ata que xorde nel a necesidade de explorar o universo da cor, primeiro con lapis de cores, logo con pasteis e ceras, e finalmente con témperas e óleo. A nivel estilístico móstrase ecléctico, pois asegura que non existe un estilo exclusivo para el, aínda que acostuma expresarse a través dunha poética de acento expresionista. Ademais de debuxos de humor e caricaturas, explora temáticas como o retrato, a paisaxe, o espido feminino ou o erotismo.
Na Colección Afundación figuran seis obras do autor ferrolán. Nas cinco tintas sobre papel mostra o seu trazo simple, sinxelo e rotundo co que representa figuras espidas entrelazadas, unha típica escena dunha feira nun pobo galego, unha composición homenaxe a Picasso e unha escena mitológica. En carbón realiza un sintético pero expresivo retrato do ilustre Ramón Otero Pedrayo; e sérvese dos lapis de cores para representar con suma elegancia, delicadeza e unha notable dose de simplificación, un interior doméstico no que aparece sentada unha voluptuosa e sensual muller ─recorrente no seu imaxinario─ de característico cabelo roxo situada á beira dunha mesilla na que se sitúa un libro e un pequeno vaso con flores.
Bibliografía
ARTE na Provincia: espazo e creación, Deputación da Coruña, A Coruña, 2011.
DE la figura a la abstracción II, Autoridad Portuaria de Ferrol, Ferrol, 2019.
VV. AA.: Colección Caixavigo: pintura, escultura, dibujo, Tomo 4, Caixanova, Vigo, 1998.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU), Tomo 11, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002.
VV. AA.: Siro, libro de la serie “Grandes Pintores”, Deputación da Coruña, A Coruña, 2017.