DESIDE
Lorda Vidal, Ramón
( Nador, Marruecos, 18 de agosto de 1931 - Marín, Pontevedra, 5 de abril de 2016 )
Biografía
O seu nome é Ramón Lorda Vidal, pero coñécese co alcume de Deside. De formación autodidacta, residiu moito tempo en Cataluña, onde conviviu cos grandes innovadores non figurativos, os cales marcaron pegada definitiva na súa angueira. Traballou en actividades de decoración para as que realizou altorrelevos con diversos materiais dun grande interese plástico. A súas exposicións son moi espaciadas e probablemente sexa máis coñecido en Cataluña ca en Galicia, malia se-lo informalista coa personalidade máis calada do noso país. A súa obra figura no Museo de Vigo e mais en importantes coleccións particulares. O lote que adquiriu a Colección Afundación e que se instalou nas dependencias dos seminarios do seu centro cultural deixa patente a calidade deste artista. Deside é un informalista puro, cunhas composicións que son forzas en expansión ou amoreamentos retidos que semellan desaxaren espallarse. A materia é gorda, ás veces ata acada-lo relevo, verdes rutilantes, en carmíns agresivos, negros señoriais, azuis neutros, que invitan ó berro e ó arrepío. As súas composicións, moi meditadas, sosteñen e mais equilibran estas explosións de cor nas que o grumo, o magma, mellor, porque semella unha efución volcánica que embarga, imponse, rotundo e desafiante. A aparente improvisación responde a un razoar profundo, a unha intelixencia exquisita. Estamos perante unha pintura excepcional.
Bibliografía
DESIDE. A pintura sen tempo, Fundación Novacaixagalicia, Vigo, 2013.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.