VILLAFÍNEZ
MARTÍNEZ VILLAFÍNEZ, LINO JOSÉ
( Marín, Pontevedra, 23 de septiembre de 1892 - Santiago de Compostela, 9 de febrero de 1970 )
Biografía
Absolutamente autodidacta, a súa vida transcorreu en Compostela perante os principais monumentos da cidade, especialmente o Pórtico da Gloria, que pintou centos de veces cunha insistencia e fidelidade se cadra únicas no mundo. A súa obra é puro paisaxismo urbano e monumental. Sobre un debuxo seguro e un tanto elemental, aplicaba a súa materia grosa en tonalidades contrastantes, case sempre envoltas, aínda que nunca faltaba un marelo brillante ou un azul moi lírico. Foi un personaxe popular na vida compostelá, posto que o seu cabalete estaba en calquera recuncho perante os curiosos viandantes, entre os profesores e estudiantes, os turistas e mailos coengos, tódolos cales deben de posuír sequera un apunte deste pintor seriado, monocorde e sen embargo, nalgúns momentos, excelente. A súa obra está en tódolos museos de Galicia e mais en coleccións institucionais, así como repartida por coleccións de todo o mundo, posto que foron moitísimos os afeccionados que lle encargaron, coma quen compra unha mercadoría, un Pórtico, unha Vista general, un Gelmírez. A todos atendeu este bohemio, bondadoso, intenso traballador que foi Lino Villafínez, que contribuíu case tanto coma o Mestre Mateo a difundir por todo o orbe o encanto, a espiritualidade e maila beleza de Santiago de Compostela, quen sen dúbida lle debe unha homenaxe.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.