JULIA MINGUILLÓN
Minguillón Iglesias, Julia
( Lugo, 17 de julio de 1906 - Madrid, 20 de agosto de 1965 )
Biografía
Foi unhas das escasísimas artistas galegas que conseguiu verdadeira resonancia nacional, xa que tamén é unha das poucas mulleres españolas que logrou primeira medalla na Nacional de Belas Artes, galardón ó que aspiraban tódolos plásticos ó longo do século que duraron estes certames. Foi a maior de catro irmáns, dous deles falecidos prematuramente. Ela mesma non chegou a cumpri-los sesenta anos. Transcorreu a súa infancia en Vilanova de Lourenzá, onde o seu pai era farmacéutico.Ós nove anos vai a Burgos, onde empeza a debuxar e a pintar. Os familiares cos que reside trasládanse a Valladolid cando a rapaza ten once anos. Alí debuxará co seu primeiro profesor, José Castrocires. Regresa a Lugo en 1923, participa en actividades artísticas e é bolseira da Deputación provincial, para cursar estudios na Escola de San Fernando. Profesores coma Manuel Benedito, Moreno Carbonero e Adsuara terán grande influencia na súa estética. Julia Minguillón participa por primeira vez nunha exposición en 1933, cun retrato, xénero que cultivou con certa asiduidade e no que foi moi desigual, xa que realizou non poucos de encargo, para unha burguesía á que tiña que gabar. Concorre á nacional de Belas Artes ó ano seguinte, cunha composición relixiosa que é eloxiada por Zuloaga e gaña terceira medalla. O cadro, titulado Jesús con Marta y María viaxa ós EEUU e exponse en diversas cidades. Chega a Guerra Civil e Julia regresa a Lourenzá, onde permanece ata decembro de 1939, data na que casa co xornalista e escritor Francisco Leal Ínsua, bo poeta e entusiasta da pintura, como demostrou nas súas etapas de director de Faro de Vigo e da revista Mundo Hispánico. Máis dunha vez, Julia retratará ó seu home, que figura na composición Mi familia, moi amada pola artista e que hoxe está no Museo de Lugo, como a súa obra máis querida e da maior galardón, La Escuela de Doloriñas. Eses cadro ou escena familiar non é, sen embargo, a súa pintura máis representativa. "La Escuela", sinxela, tenra, magnificamente composta, con estructura e diagonais, que equilibra o conxunto de figuras, acada a primeira medalla na Nacional de Belas Artes de 1941. O cadro salta as fronteiras daquela Europa en guerra e exponse en Berlín e mais na Bienal de Venecia en 1942. A súa primeira gran exposición persoal ─fixo pouquísimas ó longo da súa vida: tres ou catro─; inaugúrase en Madrid en 1945. Prosegue a súa intensa actividade e en 1948 gaña o premio do Círculo de Belas Artes e é obxecto dunha homenaxe á que asisten galegos ilustres coma Castro Gil, Prieto Nespereira, Risco e García Martí. En 1949 trasládase a Vigo, xa que Francisco Leal, o seu marido, foi nomeado director do diario Faro de Vigo. É elixida correspondente da Real Academia Galega. Un ano máis tarde é xurado da Nacional de Belas Artes. Viaxa a París en 1952 e en 1953. Realiza exposicións en Vigo e en Madrid e fai numerosos retratos, algún deles notables, coma o do seu paisano, o escritor Francisco Fernández del Riego, con evidente influencia de Vázquez Díaz, a quen sen dúbida, e a distancia, admira, aínda que a súa liña é máis amable e o seu colorido máis suave có do extraordinario onubense. A Sudamérica vai en 1958. Volve a Madrid, onde reside desde 1961, ata a súa morte. Participa en numerosas mostras colectivas, ás que sempre prestou o seu concurso. Julia desexa acada-la Medalla de honor da Nacional de Belas Artes, pero se frustran as súas aspiracións. Intermitentemente e mentres as súas forzas llo permiten, continúa pintanto ata o seu falecemento, o 20 de agosto de 1965. A obra de Julia Minguillón figura no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en tódolos de Galicia e en moitos das provincias de España e mais no extranxeiro. Unha ampla e excelente representación, coa obra que lle deu a primeira medalla, posúea o Museo provincial de Lugo. Hai diferentes etapas e estilos na obra desta artista. Retratos, composicicións de figuras, bodegóns e paisaxes. Probablemente, o mellor son as súas paisaxes, xénero que cultivou tardeiramente, pero no que se expresou coa máxima liberdade, sen as limitacións das súas composicións de figuras, onde hai unha excesiva dozura, aínda que o debuxo é sempre irreprochable, con alardes de escorzos e certa tendencia a un decadentismo case de ballet. Entre os retratos hainos excelentes, claro está; aqueles que non entrañaban o compromiso, digamos áulico, senón que eran de amigos, cunha personalidade que queda patente na pintura. Julia Minguillón posuía unha técnica correcta e unha paleta quente e ben entoada. Os seus recunchos de Galicia, campo, montaña, vida rural... teñen esa sinxeleza e pegada do sentido, do auténtico, en verdade emocionantes, con modos impresionistas. A pincelada é longa, tendida, con veladuras efectistas de grande beleza. Cando se libera do academicismo no que militou case sempre é unha pintora mesmo emocionante.
Bibliografía
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
CARBALLO-CALERO RAMOS, M. V.: Julia Minguillón, Fundación Barrié, A Coruña, 1984.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte» en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1970.
JULIA Minguillón, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1992.
JULIA Minguillón, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las exposiciones nacionales de bellas artes celebradas en España, Alcor, Madrid, 1948.
PARDO, A.: Julia Minguillón, Progreso de Lugo S. L., Lugo, 2003.
VV. AA.: Mujeres en el arte español, Centro Conde Duque, Madrid, 1984.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega, 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Buenos Aires, 1984.