CARLOS MORAGO
Morago Fernández, Carlos
( Madrid, 1954 )
Biografía
Carlos Morago estivo vinculado desde a súa infancia coa creación artística, xa que o seu pai foi copista no Museo do Prado, polo que as visitas á pinacoteca eran frecuentes. Estudando os grandes mestres aprendeu a desenvolver diversas técnicas, destacando principalmente na do debuxo. Posteriormente, formouse na Escola de Artes e Oficios de Madrid.
Ao longo da súa traxectoria recibiu diversos premios: dúas medallas de honor do Premio BMW; o primeiro premio da Fundación das Artes e dos Artistas; o primeiro premio Penagos de Debuxo; a terceira medalla do Salón de Outono, o primeiro premio Vila de Cedeira... Así mesmo é académico correspondente da Real Academia de Belas Artes Santa Isabel de Hungría de Sevilla.
Realizou a súa primeira exposición en 1976 na súa cidade natal, mostras que se sucederon ao longo da súa traxectoria en diversas cidades españolas e europeas. A través da súa pintura detallista e de perfecta execución, Morago traballa o xénero da paisaxe, así como a recreación de interiores e, especialmente, bodegóns. Fiel a un estilo realista, a través del recrea composicións intimistas, como é o caso da obra pertencente a esta colección, datada en 2002.
Nela representa un fragmento dunha estancia na que aparece un moble situado contra unha parede, á beira do marco de moldura dunha porta, sobre o que descansan un vaso cun pouco de auga enriba dun prato pequeno e unha pequena caixa. Esta composición ocupa unha parte inferior da superficie do cadro. O fondo, neutro e abstracto, perfila esa deliberada contraposición á escena figurativa. A uniformidade cromática, na que predominan as distintas gamas de brancos e grises, outórgalle á escena sensación de quietude, silencio e tranquilidade. Queda patente o dominio que o autor ten coa técnica do debuxo e a súa preferencia por reflectir nas súas obras o carácter cotián do que o rodea, os detalles das cousas comúns, que lle permiten facer exercicios compositivos nos que a xeometría xoga un papel fundamental e estudos lumínicos.
Bibliografía
GÓMEZ SANTOS, M.: Carlos Morago, Madrid, Edit. Fernán Gómez, Madrid, 1987.