MORQUECHO
Morquecho Barral, José Ramón
( Pontevedra, 1946 )
Biografía
Criado nunha familia cunha importante tradición artística, xa que o seu avó era catedrático de debuxo e o seu pai pintor, José Ramón Morquecho estableceuse en Santiago de Compostela nos anos 70 para comezar a dedicarse profesionalmente á creación plástica; formándose de maneira autodidacta interésase nos seus inicios polo fauvismo e polo impresionismo.
As súas primeiras obras terían un claro compoñente de compromiso político e social, moi influenciado polo estudo das pinturas negras de Goya. Xunto a colegas como Xoán Pardiñas, Lamela, Bibián ou Quintana Martelo intégrase no grupo artístico Nome, ao mesmo tempo que comezará a expoñer en diversas cidades galegas e españolas, actividade coa que continúa ata hoxe en día.
Durante a década dos anos 80 viaxará a diversos países europeos, como Francia e Italia e durante un tempo vivirá en Nova York, cidade na que comeza a traballar o xénero da paisaxe, xénero que desde entón protagonizaría a súa produción ata a actualidade. Ademais de dedicarse á pintura, compaxinou esta coa ilustración de libros e revistas.
Entre os premios cos que foi galardoada a súa carreira figuran o do Salón de Outono de Pintura da Coruña e o do Certame de Pintura Nova da Coruña. A súa obra foi exhibida en cidades como Vigo, Madrid, Cuenca, Segovia ou Sevilla entre outras e, ademais, pode contemplarse en coleccións como a da Xunta de Galicia (Santiago de Compostela), a do Museo Arqueolóxico de Ourense, a do Museo Municipal Quiñones de León (Vigo) ou a da Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario (A Coruña).
Na traxectoria pictórica deste autor a cor xoga un papel fundamental. Destaca a inclusión de tons rechamantes nas súas composicións, como potentes vermellos, verdes ou amarelos, aplicados con amplas pinceladas soltas. Esta característica apréciase nas dúas obras pertencentes a Afundación, Recordos e Petouto, nas que recrea dúas paisaxes, case de forma abstracta, onde as masas de diversos tons de amarelos son as protagonistas nunhas composicións nas que as pinceladas áxiles constrúen as escenas que se perciben inmediatas e en movemento por parte do espectador.
Ambas creacións están datadas a comezos da década dos anos 90, cando Morquecho xa elixira a paisaxe como o seu xénero predilecto e a ambigüidade entre a figuración e abstracción como selo estilístico persoal. Nesta época, a xestualidade da pincelada toma o protagonismo e a investigación da experiencia plástica convértese na súa motivación artística. Morquecho estuda a natureza ao xeito dos impresionistas e dedícalle moito tempo a percorrer o campo, para logo interpretar de forma moi persoal o que lle ofrece a natureza.
Bibliografía
Castro, X. A.: Expresión Atlántica. Santiago, Edit. Follas Novas, 1985.
Corredoira, Pilar: Pintura galega dos oitenta. A outra imaxe. Santiago, Xunta de Galicia, 1984.
García Iglesias, X. Manuel: Morquecho o la intensidad expresiva. Santiago, 1980.
Llano, Pedro de: Morquecho. Santiago, Xunta de Galicia, 1991.