MIGUEL MOSQUERA
Mosquera García, Miguel Ángel
( Ourense, 1953 )
Biografía
Naceu, formouse e vive na cidade galega na que os artistas se dan case por xeración espontánea. É alleo a facilitar datos persoais, quizais porque entende que é a obra a que debe falar, e non o artista.
Comezou a expoñer case de adolescente, en 1971, no seu Ourense, nun ámbito no que se reunían outros mozos de entón que alcanzaron fama, cos Quesada, Acisclo Manzano, de Deus, etc. Despois, levou a súa obra por toda España e a Londres, Ámsterdam, Chile, Arxentina, Xapón, Lisboa, Cuba.
Participou en importantes certames, como pintor e gravador, entre eles o excepcional do centenario de Caixanova en 1980, que deu lugar ao volume, pioneiro na bibliografía galega de arte, titulada "Plástica Galega", destacando entre os máis significados, malia a súa xuventude. Tamén foi seleccionado para as feiras Arco de Madrid. Editou numerosas carpetas de gravado, procedemento ao que acode con frecuencia.
A Xunta de Galicia elixiuno para importantes mostras itinerantes, como Revisión dunha década e Trazos de camiños.
A obra de Mosquera experimentou unha considerable evolución, dende un informalismo dinámico ata a obra obxecto, con materiais de escoura que forman composicións peculiares a xeito de mobles case imposibles, aos que dota de lendas incitadoras e recortes de vellas fotografías amarelentas, recuperando imaxes do recordo que se actualizan e impresionan.
Está representado en museos de Galicia e de Santander, en diversas institucións e na fundación Rodríguez Iglesias.
Bibliografía
- Pablos, Francisco: Plástica Galega. Vigo, Caixavigo, 1981.
- Calvo Serraller, Francisco: Enciclopedia da arte española do século XX. Madrid, edit. Mondadori, 1998.
- Franco, Camilo: Migueo Mosquera. Artistas galegos. Pintores. Neoexpresionismos-Abstraccións. Vigo, Edit. Nova Galicia 1003.
- Guía da arte en Galicia. Vigo, Edit. Galaxia, 1998.
- Grande enciclopedia proxecto Galicia. A Coruña, Edit. Hércules, 2002.
- Auria. Cen obras mestras da arte en Ourense. Ourense, La Región, 2005.
- Grande enciclopedia galega. Xixón, Edit. Silverio Cañada, 1973 e ss.
- Estampas 1984-1985. Madrid, Real Academia de Belas Artes, 1986.
- Trazos e Camiños. Santiago, Xunta de Galicia, 1998.