ANTÓN MOUZO
Mouzo Lavandeira, Antonio
( Vimianzo, A Coruña, 14 de mayo de 1957 - A Coruña, 2007 )
Biografía
Antón Mouzo foi un artista autodidacta que participou nos Obradoiros de Arte Actual dirixidos por Luis Gordillo en Madrid para perfeccionar a súa técnica e cuxo estilo se viu influenciado polas correntes expresionistas. Desde os seus inicios foi arroupado pola crítica, o que lle permitiu desenvolver unha carreira creativa en progresión desde moi novo.
A obra deste autor consérvase na Biblioteca Nacional, na Xunta de Galicia, no Museo de Belas Artes da Coruña, no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside do Castro (Sada), no Consorcio de Santiago ou na Universidade de Santiago de Compostela, entre outras coleccións institucionais. Ao longo da súa traxectoria foi bolseiro da Xunta, recibiu o primeiro Premio de Pintura do Concello de Carballo e o segundo premio en deseño gráfico pola creación do logotipo e da sinalización do Campus Universitario de Santiago.
Mouzo participou en numerosas exposicións desde mediados dos anos 70 a nivel individual e colectivo en diversas localidades españolas, principalmente galegas, e a nivel internacional en cidades como Bogotá, Caracas, San Salvador, Miami ou San Juan de Puerto Rico, entre outras. Así mesmo, ademais da súa traxectoria como pintor, desenvolveu a súa faceta como ilustrador colaborando con diversas publicacións, catálogos e carteis. Igualmente nos últimos anos antes do seu falecemento, o autor traballou de maneira continuada as instalacións con diversos materiais; neste sentido, destaca a intervención na mostra Tempos de silencio na igrexa de San Domingos de Bonaval no ano 2000.
A produción de Mouzo caracterízase pola consecución de composicións ambientadas en atmosferas soñadas, inscritas en espazos indefinidos, con tinturas líricas que lembran a Chagall. As dúas obras presentes na colección de Afundación, Sol entre árbores e Nocturno de cidade, responden a estes presupostos, onde a cor e os xogos lumínicos toman o protagonismo. A gama cromática móvese nos vermellos, alaranxados, morados e amarelos que mostran a súa textura grazas ao emprego de ceras sobre papel. As paisaxes que consegue revelan delicadeza e certa irrealidade. Destaca a importancia das luces que escintilan no ambiente urbano e que se coan entre as ramas das árbores, respectivamente.
Bibliografía
1990 BECAS e adquisicións, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1986.
TEMPOS de Pintura, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1985.