LUCIO MUÑOZ
Muñoz Martínez, Lucio
( Madrid, 27 de diciembre de 1929 - 24 de mayo de 1998 )
Biografía
Inicia as clases de debuxo en 1946 con Eduardo Navarro, e posteriormente asiste a clases de pintura con Eduardo Peña. Máis tarde, ingresa na Escola de Belas Artes de San Fernando, onde é discípulo de Eduardo Chicharro; tamén traballará no seu estudio. Remata a carreira en 1954 con brillantes resultados e coñece a que será a súa futura esposa, a pintora Amalia Avia. En 1955 expón nas salas da Dirección de Belas Artes xunto cos seus amigos, o pintor Antonio López García e os irmáns escultores López Hernández, que coñece na Escola. Ese mesmo ano realiza a primeira mostra individual na santanderina Galería Dintel e obtén unha bolsa do Goberno francés que lle permite residir un ano en París, onde toma contacto coa corrente informalista. Regresa a España e realiza mostras individuais na Galería Fernando Fe e posteriormente no Ateneo madrileño. A partir de 1959 prodúcese a súa proxección internacional; participa de maneira colectiva na Bienal de São Paulo (1959), XXX Bienal de Venecia (1960), Documenta de Kassel (1972) ou na mostra «Art 5´74» (Basilea, 1974). A comezos dos anos sesenta realiza as primeiras exposicións individuais no estranxeiro; na Galería Bonino de Bos Aires, na Joachim Gallery de Chicago, ou na Staempfli Gallery de Nova York. A partir de 1964 colabora de maneira intensa coa Galería Juana Mordó que acaba de ser inaugurada, e en 1989 asina un contrato en exclusiva coa Galería Marlborough. Entre os seus recoñecementos, cómpre salientarmos o Premio Nacional de Artes Plásticas, a Medalla de Ouro das Belas Artes e o Premio da Asociación Española de Críticos de Arte. A súa obra está representada nas máis prestixiosas coleccións nacionais e internacionais. Realizou pinturas murais de enorme relevancia; destaca o monumental retablo da basílica de Aránzazu (1962) en colaboración con outros destacados artistas.
Pioneiro da abstracción, e figura crucial do informalismo, en España, en 1955 abandona a pintura figurativa fundamentalmente de paisaxes e naturezas mortas e realiza unhas colaxes sobre lenzo con materiais non convencionais —característicos do seu traballo posterior— que o achegan ao informalismo. Abraza a abstracción e en 1958 descobre a madeira, primeiro como efectivo soporte, e moi pronto como material protagonista que trata: pinta sobre ela, quéimaa, desgástaa a través de incisións, raspados etc. ou cóbrea de mofo; a madeira é un elemento característico da súa linguaxe. Integrado nun círculo de artistas realistas —entre os que se inclúe a súa esposa—, a partir de 1963 a figura empeza a reaparecer na súa obra e progresivamente vai ganando protagonismo, cun certo vínculo surrealista, aínda que o informalismo segue presente. En 1982 inicia unha etapa de dous anos focalizada exclusivamente no gravado —despois regresa á pintura— e prodúcese unha serie de cambios no seu traballo: a cor tórnase máis clara, a xestualidade suavízase e o dramatismo evoluciona cara ao romanticismo. Na súa etapa final, máis ascética, a madeira amósase cada vez máis núa. Unha constante define a súa obra: a dualidade entre orde e expresividade.
Composición (1975), presente na Colección Afundación, pertence a unha etapa na que a obra gráfica ocupa unha gran parte da súa produción; unha disciplina na que alcanza éxito e recoñecementos como o primeiro premio de Gravado da Feira de Arte Gráfica Arteder (Bilbao, 1982). Na obra que nos ocupa, recoñécense en primeiro plano unhas misteriosas formas vinculadas ao universo natural sobre un fondo estruturado mediante liñas ortogonais e gradacións de grises; a paleta cromática escura é propia deste período do autor madrileño.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990, Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
MUÑOZ AVIA, R.: Mi padre, en Lucio Muñoz. 1950-1998, Fundación Focus-Abengoa, Sevilla, 1999.
NIETO ALCAIDE, V.: Lucio Muñoz, Lerner & Lerner, Madrid, 1989.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 10, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 2859-2861.