LEOPOLDO NÓVOA
Nóvoa García, Leopoldo
( Salcedo, Pontevedra, 17 de diciembre de 1919 - Nogent-sur-Marne, Francia, 23 de febrero de 2012 )
Biografía
Fillo dun diplomático, ós sete anos realiza a súa primeira viaxe a América, onde empeza a debuxar, pintar e modelar. Volve a Galicia en 1929, inflúe nos movementos artísticos dos anos da República e en 1938 a súa familia trasládase de novo a América para residir en Uruguai ata 1947, ano en que se trasladan a Bos Aires. Alí, con viaxes constantes por todo o continente, o artista vive ata que en 1965 se traslada a París, onde traballará intensamente, aínda que pasa longas tempadas na paz da Armenteira, preto de Pontevedra. As exposicións sucédense desde 1953 en Bos Aires, Nova York, Punta do Leste, Montevideo, Dublín, Madrid, Italia, Bélxica, París, Lima, Bogotá, Quito, e en Vigo e mais noutras cidades de Galicia. Participou en colectivas en todo o mundo, sempre como nome destacado dunha tendencia informalista, absolutamente conceptual, cunha peculiaridade total na que hai un afán de identidade entre espacio e tempo. Está representado en museos de Arte Contemporánea de todo o mundo e mais en grandes institucións. Nóvoa realizou grandes murais, algúns de dimensións excepcionais, probablemente dos meirandes do mundo, e ten unha grande cantidade de obra integrada en arquitectura, en Uruguai, España e Francia.
Leopoldo Nóvoa identifícase dalgún xeito cos modos do arxentino −é, aínda que se cre que é italiano− Lucio Fontana. Con frecuencia adhire obxectos corpóreos ós seus cadros coma cordas, cartóns e tecidos. A súa gamma escala é neutra, case monocroma. Hai unha execución impecable na súa expresión plástica -chamada exclusivamente pintura sería limitala-. É un mundo de silencios, de suxerencias infinitas, sempre nunha plasticidade namorante. A superficie das súas teas aparece agredida e hai arestas emerxentes nunha superficie neutra, gris ou terrosa; uns grumos sobre un fondo como aceirado. Esta expresión plástica é consecuencia dunha longa evolución simplificadora, que parte dun expresionismo intenso, emparentable con algúns modos do grande uruguaio, Torres García, aínda que tamén lembra a Braque e a Picasso, e en certos momentos a Luis Seoane. Na época intermedia, xa considerablemente informalista, hai algunhas paisaxes con referencias vagas pantasmagorizadas e algunha figura que lembra a Kirchen. Todo esto indica que a carreira de Nóvoa é razoante, reflexiva, de lenta evolución ata a súa última tendencia, enmarcable se cadra no que Carlos Areán definiu como "escultopintura", aínda que Nóvoa é fundamentalmente un plástico e un pintor que crea mundos propios, de beleza fascinadora e preocupante. Faceta non esquecible da súa obra é a de escultor, de identidades con Brancusi e posiblemente co inicial Oteiza. Tódolos materiais −ferro, bronce, pedra, chatarra− son válidos para a expresión dunha mente lúcida, de artista pleno, creador de mundos propios.
Bibliografía
Sobrino Manzanares, Mª Luisa: Catálogo del Patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, Diputación, 1991.
Seoane, Xavier: Nóvoa. A Coruña, Ayuntamiento, 1989. Colección Arte Galega. A Coruña, Xunta de Galicia, 1989.
Logroño, Miguel: Nóvoa. Vigo, Edit. Galaxia,1977. -VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes,1984.
VV. AA.: Novoa. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo,1985.
Pablos Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Vangardas e silencios. Compostela, Xunta de Galicia, 1978.
Obra
-
RELIEVES Y CENIZAS A DOMINANTE HORIZONTAL 2000
-
ESPACE ROUGE Â QUATRE RELIEFS 1970
-
Espace cromlech a dominante horizontale 1982
-
Relieve rojo c/hendidura y líneas de púas 1992