JESÚS NÚÑEZ
Núñez Fernández, Jesús
( Betanzos, A Coruña, 1927 - 6 de octubre de 2023 )
Biografía
Comeza a carreira de Dereito en Salamanca. Axiña a abandona para estudar gravado na Escola de Belas Artes de San Fernando e na Escola Nacional de Artes Gráficas de Madrid. Participa, en 1952, nun intercambio de estudos coa Escola de Belas Artes de Berlín, e, fascinado pola experiencia, consegue unha bolsa do goberno alemán para continuar durante un ano máis na escola berlinesa, na que se respiraban ecos do que fora a Bauhaus e que o leva a introducirse, ademais de no gravado e na litografía, na cerámica, no deseño téxtil, na escenografía, no escaparatismo ou na metalistaría; esta etapa de formación vai ser de grande importancia en canto á definición do seu universo expresivo. A seguir, en 1954, amplía estudos artísticos na Escola de Belas Artes de París. Ese mesmo ano regresa a España e realiza a primeira exposición individual na Galería-Librería Lino Pérez na Coruña, preludio dunha extensa listaxe de exposicións e dunha carreira internacional imparable no relativo á proxección da súa obra gráfica, que se irá consagrando a medida que transcorre esta década e ao longo dos sesenta. Foi recoñecido con numerosos galardóns, entre os que cómpre salientarmos o gran premio de gravado no II Certame Nacional de Artes Plásticas de Madrid (1963) e o primeiro premio de arte en estampación da Exposición Nacional de Arte Contemporánea de Madrid (1970). Así mesmo, está representado en destacados museos e institucións nacionais e internacionais, así como en coleccións particulares. Organiza, dirixe e participa en cursos e obradoiros de gravado, experiencias que desembocan na creación e impulso do Centro Internacional da Estampa Contemporánea na súa localidade natal, Betanzos, en 1997. En abril de 2014 foi distinguido co título de fillo predilecto da súa cidade natal e foi considerado un mestre do gravado.
Artista polifacético e con afán investigador, ademais do gravado, cultivou a pintura, a escultura, o tapiz e o deseño téxtil, a ourivaría e mais o mural. A súa obra gráfica segue a liña do resto da súa produción noutros soportes, a evocación de formas suxeridas por mundos telúricos e distantes e unha forte vinculación coa arquitectura. A nivel técnico, destaca por un forte compoñente construtivista con trazas informalistas, pola súa distancia respecto ás formas figurativas, e expresionistas na maneira en que as materializa. Desde as súas primeiras augastintas e planigrafías aborda combinacións de xilografía, litografía, punta seca, fotografía ou reproláser. Ademais fai gala dun eclecticismo técnico que lle permite abordar imaxes innovadoras e afastadas de calquera formulación clásica do gravador e profunda no que el denomina “esculturas gráficas”.
Na Colección Afundación figuran dúas significativas obras do autor. Na obra Sin Título (1975), a presenza de dous prismas metálicos que se sitúan sobre a superficie pictórica marcan o ritmo a unha composición construída mediante unha serie de planos, nos que a cor xoga un papel protagonista a través das súas distintas degradacións e combinacións, que lembran unha paisaxe de arquitectura fantasiosa. En Órbita Berebere (1990) combina a xilografía coa litografía e desaparece a arquitectura para lle abrir paso ao espazo cósmico. Destaca o contraste entre as formas abstractas que conforman a estrutura da obra —na que están presentes experiencias derivadas da arte dos anos cincuenta e sesenta— con formas concretas, de carácter organicista, que son creacións do artista e lembran petróglifos.
Bibliografía
Sánchez Camargo, Manuel: Jesús Núñez. Madrid, Ateneo, 1956.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.