JUAN OLIVEIRA
Oliveira Viéitez, Juan José
( Pazos de Reis, Tui, Pontevedra, 22 de octubre de 1928 - Canido, Vigo, 16 de abril de 2002 )
Biografía
É na súa infancia cando o artista empeza a montar a cabalo, animal que se converterá en motivo e símbolo do seu traballo escultórico. Comeza Enxeñería Industrial en Madrid, pero abandona para dirixir en Galicia durante tres lustros a empresa familiar de fabricación de galletas; durante este período será presidente da Cámara de Comercio e vicecónsul de Portugal en Tui, labores que compaxinará cunha destacada traxectoria como criador de cabalos e xinete. A súa relación coa arte limítase á amizade con escritores e artistas como Eliseo Alonso e Xavier Pousa, que influirán na súa futura dedicación á escultura. A finais dos sesenta realiza os primeiros ensaios como escultor, de maneira autodidacta, a raíz dunha curiosa anécdota cun artista que estaba modelando un dos seus cabalos. Deste modo, xorde Juan Oliveira, o artista, en 1969; ese mesmo ano recibe a medalla de bronce na primeira edición da Bienal de Pontevedra e ao ano seguinte consegue a medalla de ouro no mesmo certame. Concorre a outros certames fóra de Galicia e empeza a serie de exposicións individuais na galería Ramón Durán de Madrid, en 1970. Ao longo da súa traxectoria, exhibirá a súa obra en España, así como noutros países de América do Sur. Realizou destacadas pezas monumentais en cidades como Vigo, Tui, Lalín, Baiona, Madrid ou Menorca; a súa obra máis ambiciosa e máis lograda será Caballos (1991), colocada na praza de España de Vigo. O recoñecemento definitivo na súa terra natal chégalle en 1990 coa mostra en Vigo, dentro da serie Grandes Artistas Gallegos, e en 2001, a Xunta de Galicia concédelle a Medalla Castelao.
Cun afán innovador e un amplo coñecemento do mundo equino, confírelle un protagonismo ao cabalo ata ese momento inusitado, e sérvese do bronce e mais da fundición á cera perdida, que supoñen unha ruptura fronte á talla directa e a utilización de pedra ou madeira, para retratalo e captalo en movemento. Así mesmo, rompe coa frontalidade tradicional e resulta fundamental a aparición do oco como elemento progresivamente activo no seu traballo. Sintetiza e estiliza a morfoloxía conforme avanza a súa traxectoria e lévaa á pura esencia. O xogo de volumes rotundos con angulosidades, cavidades e acabados resulta fascinante. Ademais do universo ecuestre, protagonista do seu traballo, na súa obra aparecen temáticas -sempre cheas de dinamismo- vinculadas ao deporte e a outros animais como cans, galos ou touros.
Na Colección Afundación atopamos un grupo de cinco traballos escultóricos en bronce da súa temática predilecta. Dentro da escultura monumental, a súa obra máis característica, atopamos dúas pezas que coroan o actualmente denominado Teatro Barbón, Empuje e Hacia delante. As dúas están formadas polo binomio xinete/cabalo, e nelas sobresae a espectacularidade e o simbolismo do instante captado. Tamén hai lugar para as súas características figuras de menores dimensións: en Espiral -que forma parte do proxecto de investigación que culminou no seu célebre monumento da praza de España- destaca a gran sensación de dinamismo da peza, así como o contraste entre o realismo dos cabalos (en bronce negro cun acabado perfecto) e a abstracción do terreo que ascenden (de aspecto abrupto e patinado en verde en alusión á natureza). Salto reflicte a súa gran capacidade de síntese e abstracción, igual ca Pegaso, onde o xogo de volumes dota a peza dunha particular ingravidez e dinamismo.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Juan Oliveira. Exposición antolóxica. Vigo, Caixavigo, 1990.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
20 años de arte en Pontevedra. Pontevedra, Diputación provincial, 1989.